Autor: André Pena Graña
lunes, 23 de junio de 2008
Sección: Tradiciones y Fiestas
Información publicada por: crougintoudadigo
Mostrado 12.316 veces.


Ir a los comentarios

A MOURA E OUTRAS LENDAS DE SAN XOAN DA PENA MOLEXA (Traballiño de San Xoan adicado aos minicelticidas do MiniConsello da Incultura Galega)

A Moura do folclore galego que ao amencer do día solsticial de San Xoán a Moura, sae a procura dun esposo merecente da súa Mámoa, da súa fonte, da súa pena, etc., e a asollar os seus tesouros, se aparece esta noite máxica aos mozos en moitos sitios de Galicia, como este da Pena Molexa en O Val (Narón).

Nas tumbas dos cabaleiros como amosan as mencionadas estelas non podía faltar un espello e un peite

Nos tempos heroicos da Idade do Bronce na Europa atlántica insular e continental como sucedía no resto de Europa, os heroes enterrábanse en túmulos, o que en Galicia chamamos mámoas. Sobre estes túmulos, colocábanse como o amosan uns verdadeiros inventarios post mortem: as estela do Suroeste da Península a modo dun cómic prezados obxectos que acompañaron ao nobre defunto no seu derradeiro viaxe: sempre o carro de guerra e os seus cabalos, logo armas defensivas -un rechamante casco de longos cornos e un escudo escotado moi de moda na Idade de bronce- e armas ofensivas como a espada, a lanza e o arco e as frechas.

Nas tumbas dos cabaleiros como amosan as mencionadas estelas non podía faltar un espello e un peite, obrigados agasallos do heroe para a  Deusa Nai, a fermosa señora e Grande Raiña que solícita acudía ao túmulo a recollela ánima do cabaleiro e levala ao Alén no lombo do seu cabalo. O grande, macizo e pesado peite votivo de ouro do Tesouro de Caldas, un presenta para a Deusa Nai, aparecido xunto co espolio de moitos túmulos, nos ilustra este temperán  costume da Idade do Bronce. 

 Os heroes defuntos agasallaban deste modo a deusa soberana indoeuropea, mítica moradora dun marabilloso mundo subterráneo, transformada co correr dos séculos en A Moura do folclore galego que ao amencer do día solsticial de San Xoán a Moura, sae a procura dun esposo merecente da súa Mámoa, da súa fonte, da súa pena, etc., e asolla os seus tesouros. Esta Moura se aparece en moitos sitios de Galicia, como este da Pena Molexa en O Val (Narón).

 

A PENA MOLEXA, O VAL (NARÓN). CLAVES INTERPRETATIVAS DOS PENEDOS FIGURATIVOS.

 

Oseu nome provén de mollicula = “molexa”. A Pena Molexa non parece un "penedo figurativo", senón que orientada cara a un bicudo monte polo que cada 19 anos no chamado ‘ano metónico’ sae no solsticio de verán a  lúa chea foi encabalgada intencionadamente, posiblemente na Idade do Bronc. A Pena Molexa é de feito unha das penas que máis lendas ten de Galicia. Trátase dun folclore moi antigo, con paralelos en toda a Europa Atlántica, insular e continental.

Máis estes penedos presentan unha unidade folclórica espallada por tódala xeografía mítica galega Sendo enorme o número de penedos figurativos que gardan estreita relación coa Pena Molexa, Taboada Chivite por exemplo menciona a Pena Encarrillada e a Arca de Ogás, a  Pena da Moura, da Amourosa (Melide), a Pena da Moura, de Parada do Sil, o penedo chamado Ordo de Fumaces  en Verín.

Encabalgada pola Natureza ou pola man do home entre dous bloques graníticos a Pena Molexa considerase obra dunha divindade constituíndo o seu folclore un exemplo, da pervivencia popular do culto a Deusa Nai que representa á Terra, ao País, única divindade feminina celta. Trátase dunha deusa moi coñecida que adoita aparecer con triplicidade de forma encarnando tres personalidades distintas dunha única divindade, dun modo comparable a falta doutro exemplo mellor para comprendela á nosa Trinidade cristián. É a un tempo unha moza virxe casamenteira que ten que escoller ao rei que debe gobernar o pais; é logo unha virxe preñada, encarnación da fertilidade da Terra e do Reino, e en derradeiro lugar tras envellecer co rei, é unha vella, simbolo do inverno e do fin do reinado correspondéndose coa triple Morrigan, ou coa triple Brigit das illas británicas.

Esta trindade feminina  moi común entre os celtas era coñecida en Galicia co nome xenérico das Matres, Matres Gallaecia, ou con nomes individuais (Maga “Chan”, Navia “Fluínte”, “Chorreante”, Brigantia, “Alta”, “Elevada”, Iccona Loiminna “Luminosa Egua”). Epítetos que representan virtudes desta deusa simbolizada por tres mulleres, unha nova cun neno no colo, e as outras vella a unha e madura a outra, a asisten sostendo o cueiro, ou panos para limpa-lo neno.

A Pena Molexa foi un santuario ou trebopala “outeiro”, altar, celta, que por algún motivo, quizais pola perda de uso dos rituais de toma de posesión ou entronización territorial, non chegou a cristianizar.

Cando contan en Vilasuso, referíndose sen sabelo a un mito Celta da creación do mundo [1], que “a Pena Molexa dis que a fixo unha vella co dedo meniño e o día que retire o dedo será o fin do mundo” estarían a falar da primeira persoa desta trindade ou triplicidade celta da Deusa Nai: a Vella, claramente representada no folclore desta pena de O Val. Expresado nos termos da mitoloxía céltica, onde hai que encadrala, responde ao primeiro aspecto da tríade feminina celta como unha Vella Meiga (irl. Macha, gal. Maga), boa, positiva e creadora -contra o que cabería esperar do seu decrépito aspecto, cousa propia da intensificación celta onde o deus manco e o que mellor colle, o deus cego o que mellor ve, a pétrea barca a que mellor flota, etc., que ao seu paso vai facendo o país, os ríos, os montes, os vales, os lagos, é aínda as mámoas, coas  pedras que leva na saia que vai chimpando ou sementando onde lle peta ou cadra-.

As donas encantadas e as mouras como a da Pena Molexa adoitan aparecer  a carón dos seus tesouros na noite de San Xoán “peiteando os seus cabelos, case sempre de ouro, cun peite polo común de ouro tamén” (Risco, 1962:292). Na Pena Molexa unha lenda conta que unha moura sae na mañanciña de San Xoán amosando un tesouro e pedindo a quens o contemplan que escollan o de máis valor. Para racha-lo encanto terían que escollelo a ela, máis a xente sempre escolle o ouro que nese momento se esvae. Esta muller de sobrenatural fermosura é, de novo, a representación da grande Deusa Nai da comunidade, do Territorio ou Estado que quedou simbolizada na súa trebopala ou outeiro en todo o rico acervo de lendas da Pena Molexa. [2] A Grande  Raíña  [3] que na súa cita anual agarda no Alén ao xeneroso esposo merecedor de compartir con ela o seu amor e os seus tesouros, ven a este mundo para casar co heroe morto, cos homes cumpridores do seu deber que deixan este mundo e parten para o outro coa confianza posta nela. O peite de ouro como o atopado en Caldas de Reis, confeccionado e decorado probablemente como agasallo (nupcial), sería aquí ofrecido polo defunto á deusa soberana, para que esta, reclamando a súa ánima inmortal, a montase no lombo do seu cabalo (por iso leva sempre as mazás ou abelurios, símbolos  de Avalón, do Paradiso celta ou a chave da porta do Alén) e a levase con ela ao seu pazo do Alén. É a Deusa Nai Celta, ao mesmo tempo nova e vella, virxe e nai, raíña e campesiña, é a encarnación [4] da Terra e do País, a Soberanía que tras escoller un marido axeitado para o bo goberno e casar con el [5]acompañándoo nun vizoso reinado, non o abandona tampouco a hora da súa morte e ven por el para que reine con ela no Outro Mundo.

No  folclore galego esta divindade represéntase pola moura fiel que acude ano tras ano á mesma fonte, á mesma pedra, á mesma encrucillada, e aínda á mesma ponte, en busca do home capaz de superar con éxito unha proba, unha elección encuberta entre Ela e o fabuloso tesouro que amosa como engado.

Como raíña, chamada nas Illas Británicas Rhiannon (Grande Raíña) ou Macha (probable equivalente á nosa Maga do Noroeste, “Crougeai Magareaicoi” Outeiro da Raíña Maga), filla, esposa e nai dun rei, raíña tres veces, é raíña por nacemento, é raíña por matrimonio pois casa cun rei, e é raíña tamén pola conquista dun reino. Recoñecémola posiblemente na lenda da tripla Aureana ou de Ana Manana estudiadas por Vicente Risco e por  Pena como unha muller montada a cabalo, e tamén como tres mulleres a cabalo, pois ben,  pars pro toto tamén estaría representada na trebopala de Vilasuso: A Pena Molexa tiña un encanto: gardaba tres mulas de ouro. Un día chegou un home cun libro, era o libro de San Cibrán. O home leuno dende a primeira páxina ata a última, de arriba abaixo, logo desleuno dende o final ata o principio e desencantou as mulas e levounas. Despois diso apareceron moitos máis encantos [de tres mulas de ouro]; cando ninguén sabe facerse con eles ao cabo de certo tempo vanse cara ó mar. Estas mulas da Pena Molexa serían  reminiscencias da Epona / Rhiannon, divindade da soberanía asociada aos cabalos e aos reis.

[1] Mito do que xa tiveramos ocasión de falar en anteriores publicacións,  estudado por Fernando Alonso Romero no seu traballo “A Moura construtora dos Megalitos”,  revisitado xa por Marcial Tenreiro.

[2] En 1995 quen escribe estas regras, á sazón vocal de cultura e membro fundador da asociación Oenach 13, realizou unha obra en tres actos, que logo sería a refundida en un polos outros compañeiros da asociación, para a súa representación na Pena Molexa.

[3] É a reminiscencia da triple Deusa Nai celta: nova e vella á vez, virxe nai dun fillo do Dagda (O Pai), concibido nún só día fora do tempo, que acepta morrer vontariamente para que a terra dea froito coa súa resurrección;   unha Grande Raíña, filla esposa e nai de un rei; labrega e meiga;  encarnación  da Terra e do País (Pena Graña 1995, pp, 48-53; Alonso Romero [...]). Unha única divindade feminina que poderíamos comprender de aplicárlle-lo concepto de trindade cristián;  a encarnación da Soberanía, que ten que escoller un marido apropiado, cunha manchea de virtudes, rectitude, xenerosidade, bondade, imprescindibles para reinar. Ela cumpre o seu compromiso matrimonial. Está con él se o rei e xeneroso, garantindo a fertilidade da terra, as boas colleitas, que nas árbores as pólas cedan baixo o peso do froito, o  incremento do gando; o abandona si o rei é ruín, cobarde ou inxusto, entón os campos erman, as árbores non frutifican e as vacas non dan leite. 

[4] Pena 1995: 48-53; cf. Fernando Alonso Romero “A moura construtora de megálitos”, Anuario Brigantino 1998: 11-28.

[5] Entre os Celtas si o rei e bo e xeneroso a Terra da froito, as vacas dan leite..., etc. pero se o rei e ruín (os catastróficos reinados de Bres e de Brenno -un dobre do outro-), a Terra erma, as vacas non dan leite..., etc.

A tripla Ana Manana. Laureana, Aureana, Ana.

 

As mouras Aureana, Laureana e Ana, nas lendas galegas, estreitamente emparentadas sen dúbida coa historia galesa de Rhiannon, aparecen no ciclo de Ana Manana montando nun cabalo ou en tres cabalos ou eguas brancos, sen que ao enceto se saiba quén son ou qué veñen catar, aínda que polas historias das outras aureanas podemos deducir que viñan a buscar ao esposo sometido a unha proba na que adoita fallar estrepitosamente como amosaría unha destas mouras, que por faltarlle unha perna enteira á súa montura, veríase imposibilitada de abandoa-lo Outro Mundo (cf. Mc. Cone 1990, p.113). Rhiannon é a versión galesa da moura Aureana, saíndo dunha mámoa, dunha fonte ou do seu outeiro para buscar esposo: “Son Rhiannon [Grande Raíña] e fun prometida a un home contra a miña vontade [dille ao príncipe Pwill] é nón quero home algún porque te quero a ti[170]“. Ana (Bríxida), é o aspecto  virxinal da Triple Deusa coñecida con múltiples nomes, Dana, ou Danu e Don; etc., relacionadas co Dagda e con Mananan mac Llyr (o Océano señor da Illa da eterna Xuventude).

Vir en pos do heroe para casar con él no Outro Mundo parece se-la principal ocupación das nosas mouras. Esta acción que cada ano representan teatralmente os veciños de O Val revela tamén o misterioso significado e a dimensión indoeuropea dun rito de penetración, O açvamedha , extendido pola fachada Atlántica Europea (Gales, Galicia, Irlanda y Portugal) e pola Antiga India Aria, en sinerxía coas connotacións marcadamente equinas de Rhiannon, pois logo de casar con Pwill e levalo para o seu reino (baixo terra) foi acusada falsamente de descortiza-lo seu fillo, e obrigada a sentarse coas bestas da corte, vivindo como unha besta máis e tendo por riba, que comportarse como unha egua e   transportar sobre o seu lombo  aos visitantes (evidentemente aos que entraban baixo terra, aos defuntos) que acudían ao pazo do seu esposo. Rhiannon, significando etimoloxicamente A Grande Raíña, é a soberana do mundo celta por excelencia das lendas e da literatura onde se asocian as raíñas aos cabalos e aínda aos outeiros -Crougeai Magareaicoi , hoxe chamado Outeiro de A Maga, “croio”, “altar de pedra”, “outeiro”, de “Maga da Realeza”, “Magareaico”, como Coso Oenaeco é “Coso do Oenach” ou da Asemblea[171] -.

               

UNHA ENTRONIZACIÓN PRECISA DUN REI

¿Pero ónde está o heroe, o rei?. Na Pena Molexa queda esta memoria nunha lenda oral dos vellos que conta como esa pena e as demais rochas existentes á súa beira son un rei e os seus guerreiros convertidos en pedra por unha maldición. Na noite do solsticio de verán, noite de San Xoán, os encantados transfórmanse de novo en humanos para lembrarlle á xente que, coma os durmintes das lendas artúricas, estarán sempre aí para garda-la terra. E contan cómo esa noite o rei e os seus homes percorren e vixían os montes, visitan e protexen as casas, e aos vellos, quizais porque gardan estas antigas tradicións. E, de novo, cada ano ao remata-la noite solsticial, vóltanse outra vez pedra na Pena Molexa, dende a que en pétrea vixía sobre o Val estarán connosco para gardala Terra de Trasancos.

Este é o sentido das lendas é todo o que nos chegou do pasado e desas actividades na Trebopala, verba composta  probablemente de Treba, Terra, Estado, e Pala, “altar de pedra” e “Protección” (Pena 1995:50). Estes altares de pedra non eran obxectos de veneración, os nosos devanceiros de cultura celta non adoraban á Pena Molexa senón que oficiaban nela.

O oenac[h] é a verba irlandesa e galega (testemuñada nun epíteto ou alcume do deus  galaico Coso Oenaeco, literalmente Coso da asemblea) coa que se nomeaban ás feiras estacionais celtas.[172]

 A Pena Molexa foi seguramente a Trebopala, Pedra ou Altar (e protección) da Treba, un símbolo identificativo e diferenciador da Treba dos Artabri ou dos Trasanci, ou polo menos dos habitantes do castro de Vilasuso, onde quizais se rendía culto a esta triple divindade feminina, as Matres, celebrándose posiblemente cerimonias de entronización real.

E así remata esta interpretación dunha das penas con máis lendas por centímetro cadrado de Galicia, que comezamos por un peite de ouro[173]. A simboloxía intrínseca do  áureo peite   reveladora  da pertenza  dun  incomprendido  mobiliario   arqueolóxico  a  un horizonte cultural coñecido, garantindo unha non desprezable, probabilidade de certeza para os asertos contidos na presente exposición, permitiunos tamén abrir camiños interdisciplinares para a comprensión dos temas interpretativos dos nosos petroglifos, e dos nosos penedos figurativos como a Pena Molexa e da relixión celta. Todo esto adquire novo sentido agora, cos poderosos instrumentos e coa axuda das sorprendentes liñas inmobilistas ou continuístas de investigación etnográfica comparativista de Fernando Alonso Romero e de Ladislao Castro Pérez, complementarias das nosas.


 

[170] 'ac ny minneis innheu un gwr, a hynny o`th gariat ti ' LL. 282-8.

[171] Cf. asemade Coso Meobrigoi, Bandue Lansbrigae, Pena 1995: 61, ex Blanca García Fernández-Albalat (1990) Guerra y Religión en la Gallaecia y la Lusitania Antiguas.

[172] oinom = “un”, todos xuntos, xuntanza, asamblea, reunión , en latín forum, o antepasado das feiras galegas. Pena 1991.

[173] Posibilitando tamén que todo o conxunto do Tesouro de Caldas poida adquirir unha maior coherencia institucional Atopamos o simbólico agasallo do peite asociado a un ambiente funerario representado, quizais por primeira vez en Europa, no Atlántico, nun petroglifo sobre un outeiro, altar de pedra chamado Pedra das procesións da  Auga da Laxe, en Gondomar, Pontevedra que domina xerárquicamente outros menores. Estes outeiros (como o da Pena Molexa, de O Val, inzado de lendas sobre a soberanía; a de A Moura, a das tres mulas de ouro, relacionadas coa triple Ana Manana, e a dos durmintes co seu rei  convertidos en pedra) son o centro simbólico da Terra, e así mesmo son o lugar de tránsito vertical, como por un pozo, ao Alén a traverso dunha verdadeira “porta do Hades” escondida na propia pedra, acceso directo das ánimas ao paradiso e ponte tendida entre o mundo dos  vivos e dos mortos que só se pode abrir dende o Outro Lado, porta pola que saíra (De nuguis curialum I, II) segundo o refire Gautier Map, a Herlatingi.  O peite aparece en Auga da Laxe asociado a armas da época, alabardas e puñais do Bronce Antigo, e a carros representados aquí sen as rodas; un antigo modelo de carro que se mantivo en uso en Escocia ata o século XVIII e mantense residualmente en Galicia en O Courel. Carros funerarios probablemente, indicando que estamos ante un lugar sagrado de tránsito vertical das ánimas ao Alén, ante a Porta do Hades, ante un deses lugares sagrados de tránsito vertical polo que en Europa, dende o Neolítico (dolmen de Orca dos Juncais; Batuecas; Las Malas Cabras, Aldeaquemada, etc.) a traverso da psicopompa práctica cinexética coñocida como “Caza Salvaxe”, “Chasse Sauvage” (Ph. Walter 1997, pp. 9-72); “Wild Hunt” (Stith Thompsom  Motiv- index of folk-literature E 501) “Wilde Jagd”, acceden algunhas almas privilexiadas ao Outro Mundo. Engadida no Bronce Final ao programa iconográfico da Pedra das  Procesión aparece unha espada aparentemente pistiliforme, ou de lingua de carpa e esta circunstancia, en sinerxia coa existencia de posibles elementos (amable comunicación persoal do profesor Carracedo) milenarios trazadores inmobilistas e autoctonistas de antropoloxía xenética galega (segundo parece compartidos por outra parte con amplas áreas occidentais da Península Ibérica), indicaría, sen outra relevancia, a remota antigüidade e a continuidade dunha poboación, dándonos unha pista da razón pola que a primitiva concepción simbólica seguía probablemente vixente neste período onde de novo o peite aparecerá  profusamente representado, agora asociado tamén a espellos, ao rente das armas e do carro do difunto nas estelas decoradas do suroeste peninsular pubricadas en 1966 por M. Almagro Basch  como as atopadas no lugar  de Las Mayas, en Valencia de Alcántara, Cáceres; Fuente de Canto, ou en Cabeza del Buey, entre outras moitas da provincia de Badajoz; a de Ategua, Córdoba (presentada por  Almagro Basch  no IX congreso Nacional de Arqueóloxía de Mérida do ano 1968) e un longo etc. Reforzándose o loitoso arrecendo e o carácter psicopompo da panoplia coa representación nesta última da danza funeraria dos circunstantes, típicamente Atlántica de “O Abellón” que aínda se executaba nos velatorios de Galicia a comenzos do século pasado cando “os familiares e amigos do difunto se trasladaban á habitación na que estaba o cadavre e ao redor dél formaban un corro, collíanse das máns, e sin decir una soia palabra empezaban a dar voltas e reviravoltas ao redor do morto, aumentando progresivamente a velocidade dos xiros sen deixar de imitar coa boca o zumbido do abellón”.Fernando Alonso Romero, 2001, pp. 75-84 O peite sería aquí ofrecido polo heroe morto como agasallo nupcial á deusa soberana que o reclama e o conduce ao  luminoso Paradiso.

Más informacióen en: http://www.andrepena.org


No hay imágenes relacionadas.

Comentarios

Tijera Pulsa este icono si opinas que la información está fuera de lugar, no tiene rigor o es de nulo interés.
Tu único clic no la borarrá, pero contribuirá a que la sabiduría del grupo pueda funcionar correctamente.


  1. #1 slytherin 07 de jul. 2008

    No es que tenga mucho que ver con el tema, pero me pica la curiosidad. ¿Tendrá algo que ver el palabro "aloumiñar" con el adjetivo "loiminna" de la amiguiña iccona? Veo cierta relación entre acariciar (el pelo) y brillar. El Xerais me dice que del latín laudare...  ¬¬

  2. Hay 1 comentarios.
    1

Si te registras como usuario, podrás añadir comentarios a este artículo.

Volver arriba