Resultados para “Usuario: pereira"

Este buscador realiza búsquedas sobre el texto íntegro de los Artículos, Poblamientos, Imágenes y Archivo de conocimientos, así como sobre los comentarios a los Artículos y Poblamientos.

Buscador Global

Tipo de búsqueda
No literal (todas las palabras en cualquier orden) · Sólo en el título

Buscar en:
Biblioteca · Poblamientos · Archivo de Conocimientos · Imágenes · Comentarios

Si no marcas ningún área, buscará en todas (excepto en comentarios).


Comentarios

Tijera Pulsa este icono si opinas que la información está fuera de lugar, no tiene rigor o es de nulo interés.
Tu único clic no la borarrá, pero contribuirá a que la sabiduría del grupo pueda funcionar correctamente.


  1. #1 pereira 05 de sep. 2005

    Biblioteca:

    Non é certo que a lenda de Brigo derive da de Breogán. As dúas teñen orixes ben diferentes. Breogán é unha invención dos eruditos irlandeses da Idade Media. Referencias ao seu nome aparecían xa en dous poemas sobre a dinastía dos reis de Leinster redixidos no século VII ou VIII; e a lenda, tal e como se coñece hoxe estaba xa nun poema do século IX escrito por Mael Muru Othna, titulado "Can a mbunadas na nGaedel". Posteriormente sería inserida no que hoxe denominamos "Lebor Gabála Erénn".
    Pola contra o personaxe de Brigo é unha invención do monxe italiano Annio de Viterbo, quen a finais do século XV publicou unha serie de textos antigos con comentarios seus. Case todos eses textos eran falsos, invencións do propio Annio, aínda que el os atribuíu a escritores da Antigüidade, como o babilonio Beroso ou o exipcio Manethón. Ademais Annio engadiu tamén un capítulo dedicado aos primitivos monarcas españois -dedicado aos Reis Católicos, quen por entón viñan de conquerir o derradeiro dos reinos musulmáns da península. O primeiro deses reis imaxinados por Annio era Tubal, un dos netos de Noé, e o primeiro poboador de España. O cuarto era Brigo, de quen se dicía que fundara numerosas poboacións por toda a península, as cales incluían nos seus nomes o termo "briga" (que Annio interpretaba como "castelo") que proviña do seu fundador. O monxe italiano tamén dicía que Brigo enviara as súas xentes a poboar distintas partes de Europa e de Asia, entre eles a illa de Irlanda, Italia e Asia Menor.
    Mais, de onde tirou Annio o personaxe de Brigo? Da súa imaxinación. Brigo non é máis ca unha figura fabricada a partir dos numerosos topónimos en "briga" que existiran en Hispania na Antigüidade -e que Annio coñecía a través das fontes clásicas. Hai que dicir que ese procedemento era habitual en Annio, pois grazas a el foi quen de crear outros personaxes para a súa mítica historia dos reis hispánicos.
    Para afirmar o vencello de Brigo con Irlanda Annio inspirouse noutro autor clásico: Ptolomeo, quen dixera que na devandita illa vivía un pobo chamado os Brigantes. Daquela Annio supuxo que eses Brigantes eran as xentes que Brigo enviara a esas terras.
    Esta é a verdade acerca da figura de Brigo. A súa fabricación debeuse a un tipo de xogo etimolóxico que era moi habitual na erudición da súa época: a eponimia, é dicir a invención de personaxes fabulosos a partir do nome de pobos ou de lugares (algo que tamén, polo demais, estivera na orixe do personaxe de Breogán, argallado a partir do nome da cidade galaica de Brigantia).
    As lendas irlandesas non interviron para nada no artellamento da historia de Brigo. E a razón é moi sinxela: dado que as fontes irlandesas -e nomeadamente o "Lebor Gabála Érenn"- estaban escritas en gaélico, eran totalmente inaccesíbeis para os eruditos do Continente. É certo que algúns textos redixidos en latín na Idade Media recollían fragmentos das lendas gaélicas -por exemplo o pseudo-Nennius ou a "Topographia Hiberniae" de Giraldus Cambrensis. Pero ningún deles facía referencia á lenda de Breogán, a cal, xa que logo, era descoñecida para Annio.
    O personaxe de Breogán só foi accésibel fóra dun contexto gaélico dende século XVII, cando se escribiron algunhas obras sobre a historia de Irlanda -en latín ou en inglés- onde se facía mención á súa lenda. Curiosamente ás veces a versión latina do nome de Breogán foi Brigus, como o fabuloso persoeiro concibido pola imaxinación de Annio de Viterbo.

  2. #2 pereira 06 de sep. 2005

    Biblioteca: Breogán, Hércules, la Torre y los Milesios.

    Cómpre facer varias puntualizacións ao texto de Brigantinus.

    1/ O personaxe e maila lenda de Breogán foron creados ex novo polos eruditos irlandeses medievais, fundamentalmente a partir de dous fragmentos contidos na "Historia adversum paganos" de Orosio. Neses fragmentos facíase mención da cidade galaica de Brigantia, da súa torre e da relación xeográfica das dúas con Irlanda e con Britania. Ese material foi o que levou á invención da figura de Breogán e da historia da construción da torre e a posterior invasión da illa polos descendentes de Míl. Hai que saliantar, polo tanto, que Breogán non existiu até que os eruditos gaélicos leron a Orosio e argallaron a lenda cos materiais que lles fornecía o escritor galaico -probabelmente durante os séculos VII e VIII.
    Porén Orosio non foi a única fonte na que se basearon. Tamén debeu de ser importante, no intre de imaxinar as relacións entre Irlanda e a Península Ibérica, unha información contida nas Etimoloxías de Isidoro de Sevilla. Alí afirmábase que o nome latino de Éire (Hibernia) procedía do antigo nome de España (Hiberia, tal e como o escribía Isidoro), debido á proximidade xeográfica entre as dúas terras. Xa que logo, Orosio e Isidoro foron as fontes fundamentais no artellamento da lenda de Breogán. E así o recoñecen todos os investigadores modernos que estudaron a formación do "Lebor Gabála Érenn": Macalister, Van Hamel, Baumgarten, Carey, Scowcroft.

    2/ É imposíbel considerar o "Lebor Gabála Érenn" como un texto que narra acontecementos históricos reais -cando menos nas partes que atinxen as distintas invasións da illa, dende Cessair até os Tuatha De e os descendentes de Míl. En troques o LGÉ é unha obra pseudo-histórica que conta feitos fabulosos, inventados por autores medievais que se baseaban en diferentes materiais (Biblia, fontes clásicas, tradicións indíxenas). A maior parte dos personaxes e dos acontecementos que aparecen no LGÉ son tan fabulosos como as dinastías troianas dos britóns recollidas na "Historia Regum Britanniae" de Geoffrey de Monmouth, ou como os míticos monarcas españois de Annio de Viterbo. Por iso resulta absurdo querer deducir a partir deles antigas relacións entre Galiza e Irlanda, supostamente representadas na lenda de Breogán.
    As relacións atlánticas entre as illas británicas e o norte da Península Ibérica en épocas prehistóricas só poden ser dexergadas e demostradas por medio da información arqueolóxica. Todo o demais son esbardalles.

    3/ Non é verdade que a lenda de Breogán se introducise en Galiza xa no século XVII. Os datos fornecidos pola historiografía da época non amosan indicios da súa presenza. É certo que algúns historiadores galegos estiveron en contacto con irlandeses no Colexio de Irlandeses de Santiago de Compostela, dirixido entón polos xesuítas. En concreto é moi posíbel que dous xesuítas ourensáns -Benito Vázquez e Juan Álvarez Soutelo- fosen mestres no devandito Colexio. E tamén é posíbel que alí escoitasen algunhas das tradicións que os irlandeses contaban verbo das relacións entre Éire e España. Soutelo, por exemplo, salientaba na súa Historia de Galiza certas semellanzas existentes entre Galiza e Irlanda: “Apoyan esta verdad, las Aldeas, Casas, Castillos, i costumbres de los naturales [de Irlanda] en las partes Mediterraneas (qe. en la Maritima no hai cosa permanente con la mezcla de forasteros) mui semejantes, como me certificò un hijo de la Isla, a las Aldeas, Casas, etc. de Galicia, i no menos los sobrenombres de muchas familias propias de este Reino” (fol. 102r).
    Mais tanto Vázquez como Soutelo nunca falaron de Breogán nos seus escritos sobre a historia de Galiza.
    Estes dous autores afirmaban que os antigos galegos poboaran Irlanda e Escocia, pero empregaron para iso outros personaxes distintos de Breogán, Ith e os fillos de Míl. O principal protagonista elexido polos dous xesuítas foi Gatelo, príncipe grego casado con Scota, a filla do Faraón exipcio. Se ben a lenda de Gatelo era tamén de orixe gaélica -Gatelo era a denominación latina de Gaedhel Glas, o mítico devanceiro dos gaélicos-, dende finais da Idade Media a súa historia se diferenciara en numerosos aspectos da tradición do LGÉ, pasando a se converter nun patrimonio particular da historiografía escocesa.
    Cómpre aclarar, xa que logo, que se as lendas gaélicas estiveron presentes en Galiza no XVII, foi a través de Gatelo e non de Breogán. Este último só se incorporou á antiga historia de Galiza a partir da segunda metade do século XIX, sobre todo grazas aos escritos de Manuel Murguía.

    Se alguén desexa ler máis sobre estas cuestións, pode consultar os meus artigos publicados en "Gallaecia", a revista editada polo Departamento de Historia I da Universidade de Santiago de Compostela:

    PEREIRA GONZÁLEZ, F. (2002): “O príncipe Gatelo, fundador de Brigancia: un ‘precursor’ de Breogán na historiografía galega”, Gallæcia 21; pp. 317-343.
    - (2005): “As relacións Galiza-Irlanda na historiografía (séculos XVI-XVIII)”, Gallæcia 24; pp. 281-307.
    - (2006): "Lendas medievais sobre a orixe dos irlandeses", Gallaecia 25 (no prelo).

  3. #3 pereira 06 de sep. 2005

    Biblioteca:

    A liñaxe dos primitivos monarcas hispánicos inventada por Annio de Viterbo acadou un enorme suceso na historiografía peninsular dos séculos XVI e XVII, pois grazas a aquela era posíbel afirmar que a historia de España remontaba a épocas moi recuadas, e que dende un comezo se contara cunha civilización avanzada e con reis poderosos –e mesmo conquistadores doutras terras, como era o caso de Brigo. En especial foi a Coronica general de España de Florián de Ocampo, publicada en 1543, a que mellor recolleu e popularizou os reis de Annio. En xeral pódese dicir que a imaxe da historia antiga de España que contiña a súa Coronica foi a que se adoptou nunha grande parte da historiografía da época –incluídas, por suposto, as monarquías do Viterbense. É certo que tamén se ergueron voces críticas contra elas. Por exemplo o xesuíta Mariana, a finais do XVI, consideraba fabulosos moitos dos reis de Annio (aínda que non todos). En concreto negaba a existencia de Brigo, argumentando que era un personaxe ficticio, e que a única realidade eran os topónimos en briga; termo este, aseguraba, que significaba “cidade” na lingua dos antigos poboadores da península. Porén, malia as críticas de Mariana e doutros eruditos, Brigo e o resto dos monarcas fabulosos continuaron a aparecer nas obras dos anticuarios do XVII. Non foi até o século XVIII en que a pegada de Annio na historiografía peninsular se esvaeu de xeito (case) definitivo, grazas ás novas maneiras de concibir e de escribir a historia practicadas por autores como Ferreras, os irmáns Mohedano, Flórez ou Masdeu.

    A historiografía galega do XVII adoptou tamén o personaxe de Brigo como algo propio, ás veces considerado como un dos antigos reis de Galiza, e como o fundador epónimo da cidade de Brigantia (identificada coa Coruña ou con Betanzos). Porén resulta curioso comprobar o feito de que o tema das viaxes a Irlanda relacionadas con Brigo –das que falaban Annio, Ocampo e outros- foi moi pouco aproveitado polos anticuarios galegos da Idade Moderna, quen non se decidiron a vencellar Galiza con Éire por medio da figura dese mítico monarca. En troques foron outros os protagonistas elexidos, como o príncipe Gatelo e os seus descendentes; e os supostos pobos galaicos dos Brigantes, dos Yernos (os dous descoñecidos nas fontes clásicas que se referían á Gallaecia), e dos Siloros (os Silures dos que falaba Tácito, pero que non se localizaban no chan galaico).

    O personaxe de Brigo aínda se podería atopar nalgunhas das obras sobre a historia de Galiza redixidas durante o século XIX, ás veces a carón de Breogán, mais diferenciado del. Era ese o caso do primeiro volume da Historia de Galicia de Benito Vicetto (1865), onde achamos a Brigo convertido no primeiro poboador do territorio galego; e tamén a Breogán, nunha mención que facía Vicetto á posterior colonización de Irlanda polos celtas galaicos. Alén da obra de Vicetto, Brigo encontrou un último acubillo nalgúns historiadores locais da cidade de Betanzos, quen seguiron defendendo, até finais do XIX, que a devandita poboación fora unha fundación de Brigo. Longa foi, xa que logo, a influencia de Annio de Viterbo dentro da historiografía galega, grazas á figura dese persoeiro fabuloso.

  4. #4 pereira 24 de oct. 2005

    Biblioteca: ¿Alguien podría explicarme que es eso de Auschwitz?.

    Ignacio Ramonet non é catalán. É galego, de Redondela (Pontevedra).

  5. Hay 4 comentarios.
    1

Volver arriba