Autor: Ofydd
martes, 17 de enero de 2006
Sección: Lenguas
Información publicada por: Ofydd
Mostrado 25.081 veces.


Ir a los comentarios

A soldadeira. Facendo xustiza con María Peres "a Balteira"

Se entra en el tratamiento de la mujer en la lírica medieval gallego-portuguesa, analizando el caso de una conocida "soldadeira".

A soldadeira. Facendo xustiza con María Peres "A Balteira"

A soldadeira. Facendo xustiza con María Peres a Balteira
I- A lírica trobadoresca galego-portuguesa.

O trobadorismo é a primeira manifestación literaria da lingua galega. A lírica medieval galega nace no século XII, ao abeiro dunha tradición oral anterior, pero sen negar o poderoso influxo da lírica cortesá da Provenza, de onde se vai espallar por practicamente toda a Europa e que a Galiza chega de man do Camiño de Santiago. Aínda con esta forte influencia provenzal, a lírica galego-portuguesa conta con importantes particularidades que a fan orixinal. O Corpus desta poesía medieval consérvase nos “Cancioneiros da Vaticana” (por conservarse na Biblioteca Vaticana), da “Ajuda” (do pazo homónimo portugués) e da “Biblioteca Nacional” (de Lisboa) no tocante á lírica profana (xunto ao “Pergameo Vindel” que recolle as obras conservadas de Martím Códax) e outros pergameos soltos (vestixios dos vellos rolos de escolma dos propios autores ou allea e de varios autores). A lírica relixiosa conservouse no Cancioneiro das Cantigas de Santa María, que mandara facer Afonso X O Sabio. No tocante á prosa, as obras máis extensas de prosa medieval galega son a Crónica Troiana (tradución ao galego mandada facer por Fernán Pérez de Andrade ao seu capelán Fernán Martíns do texto de Chretien de Troyes e que pasa por seren o texto en prosa máis extenso dos conservados), outra Historia Troiana e a cristiá Miragres de Santiago, xunto a outras obras non estritamente literarias coma a Crónica Xeral Galega, a General Estoria, a Crónica Galega de 1404 e a Crónica de Santa María de Iria.
A máis antiga manifestación literaria galego-portuguesa de que se ten noticia é a “Cantiga da Ribeiriña”, tamén chamada de "Cantiga da Garvaia", composta por Paio Soares de Taveirós entre 1189 e 1198 (son as dúas datas baralladas, non habendo consenso). O remate da corrente trobadoresca hai que datalo en 1418, ano no que comeza o Quinhentismo en Portugal e en Galiza se inican os chamados Séculos Escuros. No medio, xa se producira un cambio fundamental contra inicios do século XIV, cando xunto ás trobas en galego comezan a aparecer composicións en castelán, recollidas xa no Cancionero de Baena.
Os compositores destas cantigas eran os trobadores, xentes de clase acomodada (cóengos e nobres fundamentalmente) residentes nas Cortes reais de Castela e Portugal ou en cortes nobiliarias (da nobreza ou do clero, coma o caso salientábel da corte compostelana). Quen tocaban e cantaban as cantigas eran os xograres co acompañamento musical dos segreis e os bailes das soldadeiras, aínda que se dá por feito que moitos xograres remataron por compoñer as súas propias cantigas.
As cantigas galaico-portuguesas presentan moitas singularidades a respeito da tradición provenzal. Para empezar, xunto coa troba no romance galaico-portugués (xeralizado a toda a península agás Cataluña, que mantén a troba en lingua de Oc), aparecen dous xéneros autóctonos coma son a cantiga de amigo e a de maldizer, xunto ás provenzais de amor e de escarnho. Pero ademais, as cantigas galego-portuguesas aportan multitude de situacións novas, novos ambientes e novas figuras retóricas impensábeis no escenario cortesán da Provenza.
Na cantiga de amor preséntanse todos os elementos do amor cortés (influencia poderosa da Provenza): o home rende vasalaxe á muller, a “súa senhor”, reproducindo o sistema xerárquico feudal, padecendo “cuitas” polo seu favor, o agardado “ben”. Preséntase un eu lírico masculino, inferior en todo á idealizada señora, que canta a dor de amar non sendo correspondido. A cantiga de amigo é, como queda dito, propia da lírica galego-portuguesa. O eu lírico é feminino e narra a coita da muller de clase popular ante a ausencia do amado en diversas situacións, o que deu lugar ao distingo de diferentes subxéneros dentro da cantiga de amigo (bailadas, de romería, mariñanas, etc.). Ademais, estas cantigas incorporan recursos propios que facilitan a aprendizaxe por parte do xograr (leixa-prén, paralelismo e refrán). O bo trobar aprendíase en folletos do xeito da “Arte de Trobar”, conservado co Cancioneiro da Biblioteca Nacional. As cantigas de escarnho e maldizer conforman un xénero con dúas variantes, pois mentres a de escarnho fai unha sátira indirecta, chea de dobres sentidos e ten orixe no provenzal sirventés, a de maldizer é outra cantiga autóctona na que directamente se ataca á persoa ridiculizada sen nengún tipo de recatamento. Ademais destes grandes xéneros, hai outros xéneros menores coma o pranto, a pastorela e a tençao.

II- A muller na lírica galaico-portuguesa: de santas, soldadeiras e abadesas.

A muller sempre estivo presente na literatura galego-portuguesa, mesmo dende antes da súa escrita (sembremos que o xénero autóctono da cantiga de amigo presenta un eu feminino procedente xa da literatura popular). O que amosan os Cancioneiros a respeito da muller é a dobre moralidade da época: por unha banda a “mia senhor” virtuosa das cantigas de amor e por outra, ás soldadeiras e “abadessas” e monxas coma encarnación de todos os males e vicios posíbeis. Esto dáse mesmo na obra dun mesmo autor: Afonso X non dubida en referirse a Santa María nunha das súas Cantigas relixiosas nos seguintes termos:

Rosa das rosas e fror das frores,
Dona das donas, Sennor das sennores.
Rosa de beldad’e de parecer
e Fror d’alegria e de prazer...

E máis tarde, nunha cantiga de escarnho di:

Non quer’ eu donzela fea
que ant’ a mia porta pea; ...

para chegaren mesmo a deixar á muller á altura dos animais:

negra come carbon (...)
velosa come can...

Ou mesmo rozar a pornografía, amosando á muller coma un simple obxecto do goce masculino:

Fui eu poer a mâo noutro di-
-a a ûa soldadeira no conon,...

Neste caso, Afonso X cae tamén na blasfemia, ao decir que a soldadeira o nega polo amor cara:

-Deus, meu Senhor,
esta paixon sofro por teu amor,
pola tua, que sofresti por min...

As cantigas galaico-portuguesas falan da muller, pero sobre todo da muller nobre (lembremos que é a muller popular a que fala nas cantigas de amigo fronte á muller idealizada de que falan as cantigas de amor). Por unha banda aparece a “senhor” muller, cun recoñecemento da figura da muller (que é levado ao paroxismo en moitas das Cantigas de Santa María da corte do Rei Sabio), por outra, a muller satirizada, obxecto de baixas paixóns e de goce masculino. Ademais, na cantiga de amigo a muller non fica pasiva coma no amor cortés senón que toma a iniciativa, trócase igual que o home e a acción se despraza máis cara o medio popular, pero dentro dos límites que os estamentos sociais marcan (as mulleres, como moito, cantarán algunhas cantigas de amigo ou danzarán ao son da súa música). Sirvan de exemplo esta amencida de Nuno Fernández Torneol

Levad' amigo, que dormide-las manhãas frias:
toda-las aves do mundo d'amor dizian.
Leda m'and'eu…

E mais esta mariñana de Martím Códax:

Ay Deus, se sab' ora meu amigo
com' eu senheyra estou en Vigo!
E vou namorada!..

Lonxe deste mundo popular case igualitario (dentro das condicións da época), é na corte onde se dá a dobre moralidade cara a muller: unha canción de amor gabando á muller e unha canción de escarnho satirizándoa. Na Corte, máis concretamente na Corte de Afonso X, é onde se fixeron a meirande parte das cantigas de escarnho e maldizer contra as chamadas soldadeiras, coa participación directa do Rei Sabio como xa vimos. A soldadeira era unha sorte de xograresa, que aparece nas ilustracións do Cancioneiro de Ajuda no último lugar da xerarquía. Pero en nengunha das cantigas se fai referencia á función da soldadeira de acompañante musical, cantante ou danzarina, senón que se fala a súa vida licenciosa, próxima en ocasións á prostitución. As dificultades para recibir o seu "soldo" por tocar, cantar e bailar, levan á xograresa mesmo á vender o seu corpo.
E xunto á soldadeira os trobadores da Corte atacan nas súas sátiras a outras mulleres da época, pretendidamente virtuosas, coma monxas e abadesas. Sonada é a cantiga de Afonso Eanes do Cotón na que, sen nengún racato, solicita a unha “abadessa” que lle aprenda a “foder”:

Abadessa, oí dizer
que erades mui sabedor
de todo ben; e por amor
de Deus querédevos doer
de min, que ogano casei,
que ben vos juro que non sei
mais que un asno de foder…

Parece ser que a crítica destas cantigas estaba lonxe de calquera intención moralizante, tendo simplemente intencionalidade xocosa; no fondo, os trobadores, a pesares dos seus prexuízos machistas, se aproveitaban das soldadeiras como ben podían.
Amor e gozo. A “mia sehor” inalcanzábel fronte a soldadeiras e “abadessas” viciosas. Aínda falta moito para que ambos sentimentos se unan. No fondo, non esconderá tanta crítica á soldadeira un pouso de amargor dado que, coas rixideces da época, eran das persoas máis libres que houbo?

María Peres, "A Balteira"

III- María Peres, a Balteira.

A máis famosa soldadeira galega foi María Peres a Balteira, que protagoniza 15 cantigas de escarnho dunha decena de autores (entre eles o propio Afonso X ou os seus paisanos betanceiros Pero de Ambroa e Pero Amigo de Sevilla). María veu nacer no lugar de Armea, señorío da daquela Vila de Betanzos, filla de pais fidalgos que lle legaron as terras que posuían, alicerce da independencia de que sempre fixo gala. Pouco se sabe da súa vida fóra dos testemuños das cantigas a ela adicadas: sábese que tivo que pasar pola Corte de Afonso X (que tivo palabras para ela), que reunía toda caste de vicios (xogaba ós dados, aproveitábase da xente, mantiña relacións sexuais de todo tipo con cregos, escolares, xograres,…) e que debeu morrer de vella, dadas as burlas á súa idade que proferiu Johan de Baveca:

Por Deus, amigos, gran torto tomei:
Ca porque dixe dunha vella mal,
Deostou-m'ora María Balteira…

De facermos caso literal da cantiga de Pero da Ponte, María até participou nunha Cruzada, dubidando se foi na que tivo lugar en 1248 ou na que iniciou Xaime I de Aragón en 1269, aínda que a “nossa cruzada” desta cantiga puidera ter sentido figurado:

Maria Peres, a nossa cruzada,
quando veo da terra d'Ultramar,
assi veo de pardom carregada
que se nom podía com ele merger;
mais furtam-lh'o cada u vai maer,
e do perdom ja nom lhi ficou nada.
E o perdom é cousa mui preçada
e que se devia muit'a guardar;
mais ela nom ha maeta ferrada
em que o guarde, nem a pod'haver,
ca poiso cadead'em foi perder,
sempr'a maeta andou descadeada.
Tal maeta como será guardada
pois rapazes alhergam no lugar,
que nom haja seer mui trastornada?
Ca, o logar u eles ham poder,
nom ha pardom que s`i possa asconder,
assi sabem trastornar a pousada.
E outra cousa vos quero dizer:
atal pardom bem se dev'a perder,
ca muito foi cousa mal ganhada.
O feito de que se lle dea tanta importancia a María, debe levarnos a sospeitar que, a pesares da súa vida desordenada, foi muller de peso nunha época na que o papel da muller era moi pouco relevante.

IV- LEMBRANZA DE MARÍA PERES A BALTEIRA

En “María Balteira”, Lorenzo Varela (Catro poemas para catro gravados) loa a esta famosa soldadeira galega do século XIII, moi cantada polos trobadores nos Cancioneiros medievais nas súas cantigas. Para Lorenzo, a figura de María a Balteira simboliza a loita contra a represión, e así foi vista por máis autores contemporáneos galegos.

María Balteira
Loubar eu loubara, María Balteira,
túa saia leda,
que a carón da morte, ó vela na danza
semellando pombas redor dun pombal,
facía que aqueles barbudos sorriran.
Aqueles labregos da morte guerreira,
carballos antergos, varós desta terra,
destes pobos todos que chaman España,
desde aqueles tempos que a tallou a espada.
Loubar eu loubara, María Balteira,
túa saia leda,
tan leda que tola á xente deixabas,
d’amores sin prendas:
peitos de folía, nin moeda moura,
nin prenda d’amor nin prenda de conta.
Mala perdedora, boa bailadora
co lume nos ollos i o aire nos pés,
¡e nas maos a lúa a facer lilailas,
lixeiras gaivotas, ladroas amadas!
O cabrón do inferno, María Balteira,
cando veu a España,
por xogar contigo perdeu a soldada.
¡Por ganalo a él perdeches a ialma!
¡Loubar eu loubara, María Balteira,
túa saia leda!
Eu loubar loubara, si os cás dos xograres
que ti desamaras,
vindo da fronteira non me dentellaran
no peito as loubanzas:
¡Ley de xograría me chama a silencio!
Si non fora aquello de xogar co demo,
e partir o viño con tantos meleiros,
faría tensón cos meus compañeiros,
María Balteira. Ti sábelo, eu sei,
que loubar loubara túa saia sin lei.
¡Túa saia leda
que non loubarei!
Túa saia leda
que non loubarán:
con frior de seda
e quentor de lan.

Lonxe da idealización lendaria de María Peres coma cruzada contra a represión, pero superando tamén a etiqueta gratuíta de prostituta con que os seus coetáneos a inmortalizaron, si que debemos ver en María Peres unha muller que, en certo punto, se adiantou ao seu tempo e viviu unha independencia que lle custou moitas críticas ao longo da súa dilatada vida.


Comentarios

Tijera Pulsa este icono si opinas que la información está fuera de lugar, no tiene rigor o es de nulo interés.
Tu único clic no la borarrá, pero contribuirá a que la sabiduría del grupo pueda funcionar correctamente.


    No hay más información.
    ...0

Si te registras como usuario, podrás añadir comentarios a este artículo.

Volver arriba