Autor: Andrés Pena Graña
jueves, 31 de agosto de 2006
Sección: Protohistoria
Información publicada por: crougintoudadigo
Mostrado 29.651 veces.
OS GUERREIROS GALAICOS A PRIMEIRA TESTEMUÑA EUROPEA DE CADROS ESCOCESES NA ESTATUARIA PRERROMANA.
TÍTULO ORIGINAL "Verbo dunhas estatuas de guerreiros galaicos de granito con saios decorados con cadros 'escoceses' ao bies". Publicado con muchas ilustraciones en el Anuario Brigantino 2001, nº21. pp 39-60 Adicamos este traballo ao espiritu celta do pobo Galego, ao caro Antonio de la Pena e ao caro Felipe Arias Vilas por facermos patria.
Aviso a Navegantes
Algúns profesores galegos ignoraron as advertencias da dictadura cando a finais da década de 1970, suxeríndose Santiago de Compostela como sede para o Congreso Internacional de Estudios Celtas, a oferta rexeitouse de maneira tallante. Era obvio que motivos políticos, a man dalgúns profesores moi coñecidos, estaba detrás dese rexeitamento. Así estaban as cousas cando o curragh “O Breogán” do capitán Fernando Alonso Romero andaba navegando pola costa galega. O interese espertado por aquel immrama impulsaría os estudios celtas galegos (cf. Anuario Brigantino 1994, n 17, pp 33-78) que nos leva a unha revisión total do concepto ‘Celtas’en toda a Europa Atlántica.
Os chamados guerreiros galaicos, de Galicia y Portugal, son herdeiros nunha antiga terra, da tradición inaugurada polos seus pais e os seus avos da Idade do Bronce e do Neolítico. Moitas desas estatuas, poucas veces con casco, levan un escudo e un puñal. Non son celtíberos, son os hieráticos retratos de guerreiros celtas locindo un torque ao colo e no seu saio, un particular deseño antecedente do tar-tan escocés.
Amosaremos determinada concorrencia de obxectos relacionados có túmulo no Atlántico, inseridos nun complexo proceso cultural no seo da celticidade acumulativa, detectable na longa duración, na chamada Área Cultural Altántica amosando certos aspectos da evidencia arqueolóxica relacionada coa tumba do héroe. Estes papeis amosan multidisciplinarmente un paquete de evidencia, un "promptema", de obxetos arqueolóxicos heteroxéneos, relacionadoscoas tumbas do guerreiro celta e co ethos heroico indoeuropeo, complemento e síntese de varias publicacións de ANDRÉS PENA GRAÑA entre 2000 e 2001, pubricados, con dibuxos e ilustracións a cor no Anuario Brigantino..
Esta evidencia, segundo o pensa o autor, permitiría encadrar aos guerreiros castrexos feitos dende varios séculos antes da conquista romana sobre o túmulo, no contexto do enxoval psychopompos dun guerreiro. O túmulo contería as cinzas do heroe difunto incinerado, as armas; os espellos e o pente para a moura; o sutti; o carro e os cabalos; os cans; aparato de comer e de beber, e moito máis.
No Atlántico nunha Galicia aberta a todo tipo de influencias no contesto dos world economic systems, desenvolveuse na Idade do Ferro de forma conxunta e homoxénea por mútua ósmose cultural, por mutuo contacto entre veciños atlánticos, de xeito ininterrompido e natural unha cultura celta, que fende as súas raíces no Neolítico, pasando pola Idade do Bronce, como resultado dunha evolución converxente natural e interna das institucións, como vimos amosando dende o ano 1992, e, en algúns casos, chega ata a Idade Media con boa parte do seu vigor institucional intacto.
LIMIAR. A VIOLACIÓN DE TÚMULOS EN GALICIA
Toda a documentación alto e baixo medieval, cando refire deslindes de zonas altas e esgrevias ou de zonas baixas, utiliza os túmulos de varios periodos profusamente como marcos que dividen antigas propiedades e, en moitos casos, chegaron ata hoxe cumplindo coa mesma función.
Sinalando dende tempos inmemoriais os límites xeográficos das diferentes demarcacións locais, as mámoas e as pedrafitas converteronse pola sua antigüedade e visibilidade nos puntos de referéncia favoritos dos antigos. O que parece unha máxima: “esta terra é nosa porque aquí están os túmulos dos nosos antepasados” prevaleceu así ao longo do tempo.
Na Idade do Bronce, xa con soporte factográfico pódemos observar o alcance indoeuropeu do hábito de empregar as mámoas para demarcar, por primeira vez nun rexistro Europeu, nas honrras fúnebres de Patroclo, no túmulo ou, mellor dito, nas espidas pedras da posible cámara dolménica que aparecen descritas na Ilíada (cf. Pena Graña 1991):
“Vou” -dí Nestor- “amosarche cal vai se-la meta, inda que é doada de mirar, e non che pasará inadvertida: aló por riba do chan érguese, e tan alto coma unha braza, un tronco seco, ben chantado e ergueito, dunha aciñeira ou dun piñeiro que a chuvia non apodreceu, dúas pedras ben brancas entálano, unha a cada banda en pleno estreitamento do camiño, e acalcada dunha e doutra parte extendese a pista para carros; ou tumba é dun mortal hai tempo morto, ou, ao cabo, un marco posto polos antigos, e son a meta que o divino Aquiles, o dos pés veloces, vos puxo.” (Homero Ilí. XXXIII, 326 - 34 Traducción do noso mestre Luis Monteagudo García.).
Corias en lingoa indíxena e termini en latín, estes marcos despregan en ocasións un complexo inmobiliario arqueolóxico que mostra ora mesas ofertorias do Neolítico final, inzadas na súa superficie con petroglifos de “cazoletas” chamados nos documentos medieváis burgarios, ora túmulos do Neolítico nomeados en latín medieval lacos anticos, lacunas, lacunellas (véxanse nos montes galegos os topónimos Lagoa, Lagoela, etc.), mamolas.
-Lacos et Mamolas
Cando as fontes falan de lacos anticos et mamolas, a diferencia entre estes dous conceptos débese ao feito de que un laco (sic) é sempre un túmulo que presenta buraco de violación, esta apertura de túmulos poido producirse ao día seguinte do enterro, quedando a pegada desta actividade en forma de grandes furados (lacos) que poden alterar ou acabar en ocasións con moitos túmulos excavados centos, senón milleiros de veces, en busca de tesouros ata que a eles -caso de supervivir- chega a paleta do arqueólogo. A mamula, polo contrario, sospeitosamente desechada polos buscadores de encantos, conservaría o aspecto primordial de teto. Hoxe si aplicaramos a precisión descriptiva dos nosos cartularios e diplomas medievais non poderiamos con propiedade falar de mamolas ou de mámoas, ao chegarnos coma dixemos a práctica totalidade delas violadas, non unha, senón que posiblemente centenares e ainda miles de veces,sendo máis exacto e descriptivo recuperar a voz lagoas (lacunas).
A máis antiga referencia a este inveterado costume podería estar, de certo, no Códice Calixtino, do s. XII, onde no capítulo VII dise, tras falar de que a terra dos galegos é rica en ouro, prata, peles de animais salvaxes e outras riquezas que ainda é moi rica en “tesouros dos mouros” gacis sarracenicis, por ser posiblemente comparables o feito de furar nas mámoas (en xeografía mítica popular celtoatlántica, esto ven a significar entrar no alén e apañar os tesouros pertencentes aos seres e razas míticas, as veces evocándoos ou conxurándos lendo e deslendo libros e formulas máxicas) apañando o ouro, ao feito de abrir galerías á percura dos filóns auríferos.
En toda Europa expoliábanse túmulos e o relativamente recente (1846) do intendente de minas Johan Georg Ramsauer foi un caso famoso por excavar ao longo de 17 anos 890 túmulos na necrópole de Hallstatt chegando a desenterrar 19.490 obxectos. Cousa cativa sen dúbida si temos en conta que entre as aperturas masivas de mámoas rexistradas en Galicia, conta Martinez Salazar (BRAH. III. 1909) o caso de Pedro Vazquez de Orjás, crego, señor do couto de Recemil en Lugo, que a principios do século XVII conseguíu do rei Filipe III no ano 1609 unha cédula para abrilas mámoas e collelos tesouros dos gentiles galigrecos superando a expoliación as tres mil cámaras. Si o señor de Recemil non tivo moito éxito en resultados é de supor que os seus emuladores, e moitos máis antes que eles, si os terian e proba delo sería o Tesouro de Caldas que pensamos é un claro ocultamento do ouro recollido en multitude de túmulos por parte do expoliador o demostraría. Si Pedro Vázquez de Orjás como pasa hoxe tamén cando os violadores de túmulos non son profisionais da arqueoloxía, non estaba capacitado para datar a idade dos túmulos a experiencia destes expoliadores, supostamente superior en alcance e, de novo co Tesouro de Caldas como paradigma, en resultados á dun arqueólogo actual, seguramente si que estaba, polo alcance da mostra, sequer intuítivamente en condicións de saber que túmulos eran productivos ¿posibles enterramentos individuais da Idade do Ferro ou do Bronce? E que túmulos non.
Ainda que por empregarse a técnica de a cera perdida no fundido de algunhas pezas avánzase agora ata o 1500-1400 a.C, a antiguieade dos obxectos do Tesouro de Caldas, e arriscado, ao poder ser producto de multiples expolios realizados por unha mesma man o excluir a posibilidade de que os obxectos do tesouro escondido poideran pertencer a varias épocas. Poidendo abarcar estas expoliacións mámoas que irían dende o Neolítico, ao calcolítico, emparentándose as arcas, e curros vedros das brañas do Xistral, horizonte do que posiblemente de non ter desaparecido provirían materiais ideolóxicamente emparentados cós do acobillo do Tesouro de Caldas, coas arcas e curros vedros das brañas inglesas de Dartmoor, ou as brañas The Hurlers de Cornualles, das que provén a célebre copa de ouro Rillaton, Minions, hachada nunha arca ou mámoa da Idade do Bronce de 37 m de diámetro e 2,5 m de altura relacionada tipolóxicamente coas copas micénicas de outo e de prata, e có ambiente funerario indoeuropeo cabaleiresco descrito na Ilíada nas honrras fúnebres de Patroclo//nota//. Ambiente que chegaría sen grandes cambios no Atlántico á Idade do Ferro (Arnold, 1995 p. 51) momento no que se estaban a facer enterramentos tumulares no Atlántico como o amosan os funerais de Viriato e posiblemente os guerreiros castrexos arrincados dos seus túmulos, destrozados ou reutilizados, pero que nalgún caso, aparecerían descritos no lugar de seu nos diplomas medievais.
DESAPARICIÓN DOS TÚMULOS DA IDADE DE FERRO EN GALICIA
Que nas antigas Gallaecia e Lusitania se enterraba en túmulos aos heroes, e ainda cuns rituais que lembraban á epoca homérica queda fora de dúbida de examinarmos o elaborado enterro de Viriato, acaso, considerando a hecatombe, só parangonable, senón superior, ao ambiente ideolóxico indoeuropeo do enterro de Patroclo. Pero nin a tumba de Viriato, nin outras semellantes chegaron ata nos.
Esos túmulos non apareceron e posiblemente non aparecerán núnca, por ter sido arrasadas totalmente no pasado esas necrópolis. Pero ainda así, cecais nos deixaran unha testemuña indirecta certos restos aúreos coma a diadema de Elviña, correspondente a un cinturón dun guerreiro galaico latenian, como a áurea fibela vendida pola casa de Branganza ao Museo Británico, ou como a áurea díadema con parruliños, motivos claramente psychopompos, do tesouro de Bedoia. Éstes restos milagrosamente conservados, nos permiten preguntarmonos si non son a punta dun iceberg, os ecos deses seguros expolios masivos, de calqueira tempo, ou da na Idade Media, cando o Códice Calixtino incluía prácticamente no apartado da minería de ouro o mencionado feito de furalas mámoas para apañar tesouros.
O PENTE DE OURO DE CALDAS SINALA A PRESENCIA DO AMBIENTE HEROICO FIGURADO NA PANOPLA DAS "ESTELAS DO SUROESTE" EN GALICIA
¿Non sería posible por este camiño que, presumiblemente máis ricos, os grandes túmulos da Idade do Ferro, similares aos do mesmo contexto cultural Atlántico que compartimos, baixo a piqueta demoledora dos cobizosos buscadores de tesouros, dende os alicerces, desapareceran totalmente, sin deixar rastro? Segundo o vemos teriamos unha evidencia destas violacións, no que Steuer (1979, pp. 631-2) denomina ¨second oldest profession in the world” na percura de tesouros no achado casual no século pasado dun destes probables expolios de tesouros presuntamente escondidos polo propio expoliador, no xa mencionado tesouro de Caldas comenzos da Idade do Bronce no “Tesouro de Caldas”, Reforzado xa se cabe o arrecendo do ortodoxo contexto cabaleiresco indoeuropeo pola presencia masiva dos xa claros precursores de torques e de viriae, podería, ainda sendo elo cuestionable desprenderse do Tesouro de Caldas, nese aureo alarde simbólico dos obxectos conservados, desprenderse a idea de expolios moi antigos e de diversas épocas de tumbas principescas. movendo esta circunstancia e primitivismo, mesmo dando pé ao estudioso privado dun contexto institucional que bule após o ethos cabaleiresco indoeropeo, a pensar en pezas sincrónicas, ou incluso inacabadas, como a medio facer dun orfebre itinerante. Da elaborada vaixela de ouro do banquete funerario, do pente votivo (que se acompañaría cecais dun espello) posiblemente ofrendado a Divindade feminina encargada de conduxir ao heroe morto ata o seu pazo no Outro Mundo. Cunhas lecturas comparativistas dos usos e dos costumes funerarios Atlánticos, das olas de ouro adscribibles ao calcolítico, indicativas da relevancia social de quens foron quen de usalas posiblemente no derradeiro banquete interpretar o acobillo de Caldas como resultado de múltiples espolios de tumbas principescas é razonable.
Non se debe silenciar que é alta a probabilidade dos asertos contidos nos precedentes parágrafos pola delatora presencia no mencionado tesouro dun grande, macizo e pesado pente votivo de ouro de nídia adscripción a un marco ideolóxico e cultural moi concreto por empregalo para pentear os seus cabelos en contexto simbólico claramente funerario, de paso ao Alén na mitoloxía galega “A Moura”. Estes pentes sonnos ben coñecidos.
O PENTE PARA A MOURA QUE VEN BUSCAR AO HEROE MORTO
Trátase seguramente dun pente votivo, o pente que empregará unha vella divindade indoeuropea da soberanía, convertida, e a acción evanxelizadora dos monxes xogou aquí o seu papel, convertida polo folclore en A Moura, a mítica moradora dun mundo subterraneo que en busca dun esposo anualmente retorna a este mundo ao mencer do día solsticial de San Xoan. É a Deusa Nai mesma, nova e vella, virxe e nai, raiña e campesiña, é a encarnación (Pena 1995, pp. 48-53, cf. Fernando Alonso Romero "A Moura constructora de megalitos") da Terra e do País, á Soberanía que escolle un marido apropiado. Que á mesma fonte, á mesma pedra, á mesma encrucelada, e ainda á mesma ponte, fiel acode ano tras ano en busca do home capaz de superar con éxito unha proba usualmente consistente na elección encuberta entre ela e un fabuloso tesouro.
A Grande Raiña (Rhiannon/Epona/Iccona=Equona "Grande Amazona", "Señora do Cabalo") que na sua cita anual agarda ao xeneroso esposo merecedor no Alén de compartir con ela o seu amor e os seus tesouros. O pente como regalo nupcial lonxe de servir para pentear a barba do difunto, sería aquí ofrecido polo héroe morto á deusa soberana que o ven buscar, o escolle, o reclama, o monta no seu cabalo e (este e o sentido simbólico dos avelurios da inmortalidade que leva Epona na mán) o conduce á súa mansión no luminoso paradíso de Eterna Xuventude e Boa Ventura.
O pente de ouro do Tesouro de Caldas, indefectiblemente asociado ao ambiente heróico das tumbas de carro do Bronce e do Ferro, debería pola súa posible significación na topografía institucional do enxoval psicopompo servir de base para, en tempos tan temperáns revelarnos a dimensión, o alcance e a profundidade das institucións indoeuropeas, e, maila distancia temporal que separan entre sí a algúns obxectos de ouro do posible expolio, posibilitar que todo o conxunto poida adquirir unha máis ou menos sólida coherencia institucional e ainda, porque a súa simboloxia intreinseca -con este elemento a probabilidade de certeza dos asertos contidos nos precedentes parágrafos é considerable- abrir camiños nunca pisados antes na comprensión dos temas interpretativos dos nosos petroglifos (un valor enorme agora cos poderosos instrumentos e coa axuda de surprendentes liñas inmobilistas ou continuistas de investigación etnográfica comparativista de Fernando Alonso Romero, de Ladislao Castro Pérez e de Luis Monteagudo García).
A PRIMEIRA REPRESENTACIÓN ATLÁNTICA DO PENTE EN PEDRA DA DAS PROCESIÓNS EN AUGA DA LAXE, GONDOMAR (GALICIA).
Atopámos o simbólico agasallo do pente asociado posiblemente no Atlántico a un ambiente funerario representado, cecais por primeira vez en Europa, nun petroglifo sobre un outeiro, altar de pedra chamado Pedra das procesións da Auga da Laxe, en Gondomar, Pontevedra que domina xerárquicamente outros menores. Estes outeiros son o centro simbólico da Terra, non falo por falar, e asemade lugar de tránsito vertical entre o mundo dos vivos e dos mortos, ao Otro Mundo; esto é a traverso dunha verdadeira Porta do Hades agachada na propia pedra, río, mámoa ou fonte, acceso directo das ánimas cara o paradiso, ponte tendida entre o mundo dos vivos e dos mortos que só se abre dende o Outro Lado, porta pola que saira (De nuguis curialum I, II) segundo o refire Gautier Map a Herlatingi.Seguramente asociado a un ambiente funerario o pente aparece na Auga da Laxe xunto a armas da época, a alabardas e puñais do Bronce Antigo, a unha espada do Bronce Final e a probables carros representados aquí sen as rodas, un antigo modelo de carro que se mantivo en uso en Escocia ata o século XVIII e mantense ainda residualmente en Galicia no Courel, indicando que estamos ante un lugar sagrado de tránsito vertical, esto é a traverso da porta pola que acceden as ánimas ao Alén, tránsito usualmente realizado en Europa dende o Neolítico (dolmen de Orca dos Xuncais) a traverso da psicopompa práctica cinexética coñecida como Caza Salvaxe, Chasse Sauvage (Ph. Walter, 1997, p 9- 72); “Wild Hunt” (Stith Thompsom Motif-index of folk-literature E 501///). Wilde Jagd, etc.
Engadida no Bronce Final ao programa iconográfico da Pedra das Procesións aparece unha espada aparentemente pistiliforme, ou de lingoa de carpa e esta circunstancia, en sinerxía coa existencia de posibles elementos (amable comunicación personal do profesor Carracedo) trazadores inmobilistas e autoctonistas da antropoloxía xenética galega, (segundo parece compartidos en parte coa mayoria da área occidental da Península Ibérica) indicaría, sin outra relevancia o continuismo e remota antigüidade dunha poboación.
Esta podería ser a razón pola que a primitiva concepción simbólica rexistrada xa no Bronce Inicial seguiría probablemente vixente ao final deste perídodo -ao igoal que sucedía con outros inmobiliarios simbólicos do Atlántico, como Stonenhe utilizado segundo Timoty Darvill dendede o 4.000 ata o 2000 a.C. durante máis de dous mil anos- onde, asociado agora tamén a espellos, ainda o pente aparece profusamente representado xunto ás armas e ao carro do heroe morto, nas estelas decoradas do suroeste peninsular pubricadas en 1966 por M. Almagro Basch (1966, VIII.) cómo as atopadas no lugar de Las Mayas, en Valencia de Alcántara, Cáceres; Fuente de Canto, ou en Cabeza del Buey, entre outras moitas da província de Badajoz; a de Ategua, Córdoba (presentada por Almagro Basch no IX congreso Nacional de Arqueóloxía de Mérida do ano 1968) e un longo etc. Reforzandose o loitoso arrecendo e o carácter psicopompo da panoplia coa representación da danza funeraria típicamente Atlántica de “O Abellón" (Bascoy Pérez 1950).
Precisamente en estas estelas aparecen broncíneos escudos con gallóns tipo "Hallsprung", semellantes as tapas das tarteiras metálicas, similares aos atopados en Inglaterra (Museo Británico) e Escandinavia. Esta difusión, complementada coa propia continuidade do 'promptema' destos enterramentos (evidencia dada polos obxectos constitutivos do enxoval do guerreiro: sutti, cans, armas, cabalos, carros, espello, pente, etc.), presente en todo o ámbito atlantico incluso ata épocas tardoantigas ou altomedievais, fai extensible tamén a Galicia esta complexa cultura funeraria, por riba de calqueira outra consideración.
Un dos elementos do promptema, "O Abellón", aínda executábase nos veloiros (velatorios) de Galicia a comenzos do século pasado cando “los familiares y amigos del difunto se trasladaban a la habitación en la que estaba el cadáver y en torno a él formaban un corro, se cogían de la mano, y sin decir una sola palabra empezaban a dar vueltas y vueltas alrededor del muerto, aumentando progresivamente la velocidad de los giros sin dejar de imitar con la boca el zumbido del abejorro” (Bascoi Perez, 1950; Fernando Alonso Romero, 2001, pp. 75-84)
Peculiar baile fúnebre, posiblemente estendido por todo o ámbito indoeuropeo, a pervivencia desta danza e ritual funerario, que de novo aparecería posiblemente por primeira vez, segundo o penso, profusamente representada na Península Ibérica en claro contexto funerario, en ocasións xunto a explícitas escenas da “Caza Salvaxe”, dende o Neolítico Atlántico ata (Las Malas Cabras, Los Buitres, etc.) a Idade do Bronce (estela funeraria de Ategua) podería constituír aquí outra proba admirable do "Inmobilismo Atlántico"
As interpretacións de obxectos de uso cotián como un posible presente por parte do morto para a divindade feminina que o acolle no Alén dificultanse pola recorrencia do obxeto de aseo persoal. Nos violadores de mámoas galegos a idea remota do matrimonio con la "Moura" aínda estaba, e está, presente dende a documentación medieval ao século XX. "O valor etnográfico destes testemuños vertidos (polos garimpeiros violadores furtivos de túmulos) ante o Xuíz foi xa percibido por Martínez Salazar, quen os transcribira e estudiara hai casi cen anos:
"Hilario Alonso habia hallado allí una mujer descabellada y bestida de rraxa parda y los cabellos sueltos, y esto a bocanoche […], y que traía en la mano unos pocos de pelos, y que le dixera que qual le parescía mejor, aquello que ella traía en la mano o ella; e que él le respondiera que ella[…]: y entonces que ella le mandara que fuese a cabar al dicho otero de la mámoa de Segade y que hallaría un tesoro[…]"
"[…] Que la dicha mujer que le llamó ansí a bocanoche le preguntó que cual le parecía mejor, ella o unas vueltas que trahía enlazadas en las manos, que parescía como horo, […] y este le respondió que mejor le parescía ella, y la susodicha le dixo: dichosa la madre que te parió; y dice que la dicha mujer era negra y fea y que hablaba por las narices." Ibidem. (Martínez Salazar, A. 1909, pp.218-219 in Marcos Martinón Torres "Análisis historiográfico del Megalitismo Gallego", Tesis de Licenciatura, Santiago 1999)
A intensificación da fealdade de a moura, sempre fermosísima, no imaginario, hiperfurtivo (sic, parodiando a unha cara mitóloga) dos ladrones de túmulos funerarios gallegos, indica que se conserva, reforzada, a idea do matrimonio entre a Diosa Madre o héroe muerto.
Á dificultade da lectura mítica do rexistro arqueolóxico do pente, engádese a imposibilidade de detectar costumes funerarias de enterros multiples de individuos de diferente xerarquía e posición. Tal concorrencia de deposicións na diacronía do registro arqueológico (si non xa dende o Neolítico), ao menos dende de Patroclo, sive potius Homero, a Viriato, enmascaran a individualidade da tumba indoeuropea.
Debemos considerar con cautela os enterros multiples e aínda masivos nos túmulos. Ladeando a sua alma inmortal os acompañantes do héroe deberían moitas veces ser considerados moitas veces institucionalmente como mero enxoval funerario, segundo o vemos nos testimonios literiarios e historiográficos da antigüidade que describen os sacrificios rituais dalgúns membros do séquito, rituais propios do ethos heróico ou da devotio ao caudillo.
A nosa percepción aberrante da norma social, do sacrificio ritual, enmascarado tras da morte honrosa no combate singular, nos funerais del corono, entre algúns campións do seu séquito ou corio, non pretende que, os nosos ancestros, os participantes nas honrras funebres aceptasen -como non o aceptarían, pese ter incluso máis motivo para elo, os que, salvando o ethos e as distancias, asisten hoxe coma testigos a unha execución na silla eléctrica, na, hipervolatil (sic) cámara de gas ou de inxección letal- estiveran a realizar sacrificios humáns.
É habitual atopar os pentes funerários asociados a espellos circunstancia que daria pe á errada leitura destes, ora atribuindo-os ao contexto dunha tumba feminina, ora, "o pente para a barba", á equipa de aseo do guerreiro.
A leitura mítica de o obxecto non é facil cando o pente funerário aparece como ajuar de parellas de ambos sexos, a interpretación e o embrollo deste rexisto sempre escaso e isolado se enmascara pola posíbel presenza do "sutti".
Os pentes aparecen xunto a fantásticos recipientes para conter ou misturar a bebida da enchente fúnebre, un, ás veces excesivamente rico, aparello de beber, local ou de importación. Circunstancias, tempos e aparello que con amplitud cronológica e detalle enormes podemos atopar na literatura, na plástica funerária e ainda no tanatorio rexisto arqueológico europeo no que se asocian os pentes funerários a carros, a armas e a louza de mesa (Carreira 2000; Arnold 1995, p. 50-51), a restos de cochos e ainda de enfeitados e enmascarados cabalos. Restos que semellan ilustrar toda a parafernalia faunística psychopompa e a simbología da Menié Hellequin, da "Sociedade dó Oso", da "Santa Compaña" etc., que vemos representada con todo detalle nunha das placas do caldeiro de Gundestrup.
Coñecemos tamén a longa presenza do pente en túmulos de toda Europa desde o Bronce ao Ferro, e en contexto Atlántico o último deles se cadra, ainda que pola longa persisténcia no tempo e na xeografia europea de toda esta matéria aqui xoga a sincronía escaso papel, apareceu xunto a un espello na mencionada tumba de carro de Wetwang, Yorkshire, Inglaterra, do século II ou I a. C., asociado a outras tumbas con espadas, lanzas e escudos.
Sexa tolerable, ou non, o sostido nos precedentes parágrafos a propósito das violacións dos túmulos, o caso é que por mor das accións reseñadas, como demostramos en 1991, sendo incuestionable que se lle chamen ás mámoas lacos cando presentan, as veces enormes, buracos de violación:
- Laco, Lacuna; Lago ou Lagoa
Esta voz atópase en case tódolos diplomas que conteñen deslindes polo que, como dixemos en 1991, non ten nada de particular que a primeira vez que apareza esta denominación nun documento Galego suceda no primeiro deles, o máis antigo que existe en España, o diploma SILONIS REGIS (sub die X kalendas septemberes Era DCCCXIIIª, 23 de Agosto do ano 775) polo que o rei Silo dona a varios relixosos entre os ríos Iube e o Masma, e máis concretamente entre o río Alesancia e o Mera, no lugar de Lucis, un Celeiro, hoxe Celeiro de Mariñaos: “ […] Ut darem eis locum orationi in cellario nostro qui est inter Iube et Masona, inter ribulum Alesancia et Mera, locum que dicitur Lucis determinatum de ipsa villa ubi ipse noster mellarius avitabit Espasandus, et per illum pelagum nigrum, et iusta montem que dicitur Farum, et per illas sasas alvas et per illa lacuna usque in alia lacuna, et usque ad petra ficta et per illa lagenam Se non o estorbara a precisión matemática das cartas de deslindes (no hidrotropismo de tanto lago poderían, en boa hidrognósia escoliastas de Villar, decreta-la hidrogoxía última para tanta lacuna e lagena da diplomática galega) et per ipsum villare que dicitur Desiderii et per illum arogium que dicitur Alesantiam et per alia pedra ficta qui stat im montem super Tabulata per ipsa strata qui esclude terminum usque in loco que dicitur Arcas, et arrogio que dicitur Comasio, cum omnen exitu et regreso suo, castros duos […] ” ( M. Cecilio Díaz y Díaz 1974, pp. 212 – 13 )
Como xa antes o viran outros autores, nunha carta do 982, de Celanova, aparece sobre un destes lacos ou mámoas violadas mencionado un destes guerreiros galaicos, ao que poderían pertencer os fragmentos conservados do chamado Guerreiro de Caldas, sobre os seu túmulo:
“ […] quomodo dividet cum villa Sancta Columba, Ermigildi et Atanes et transit Limia ad patrono intra Mogaynes et Sancta Columba et feret in arca tras limia ad casam de Domno et per suis terminis ubi inveneritis lacos anticos et mamolas . Uno laco qui est tras Limia unde venit liniolo qui transit per Limia et venit inter Sancto Martino de Calidas et feret in cima de villa ad alio laco maior per suo liniolo ubi iacet efigiem hominis esculpta in petra (a primeira noticia dun grande túmulo da Idade de Ferro coa estatua do guerreiro sobre el) que testificat de laco in laco et inde per suos moliones firmissimos ad arca maior ad castro de Vemes et sic tornat per allios molliones et feret in fontem de mulieres deinde postea Mineo rio inter Villarino et monte longo per ubi fortissimi divisimos cum ipsos domnos iam prefactos in illorum grande concilio sub unos? andantes, et omnia bene considerantes atque certius dividentes et omnia firmissime permanentem statuentes devenimus ad arcas maiores de Sancta Eolalia inde primitur inquoavimus. Notum die ipsas kalendas octobris discurrentes tunc era XXª post Mª […]” (López Ferreiro 1899, p. 184)
Obra latenian, celta, e principalmente do s. II a.C. non é tolerable que se sosteña pos máis tempo que os guerreiros castrexos "son colaboracionistas romanos", non o calo aquí, nin que se consideren estatuaria romana. Non son como pretenden a presente indulgentia temporum e o victimismo malintencionado e culpable de certa literatura "pseudonacionalista" que fai "colaboracionistas" aos togati galaicoromanos de época posterior. Nin son fachendosos retratos de colaboracionistas dos romanos os nobles guerreiros galaicos celtas, nin os fai romanos o feito de que séculos despois de que se fixeran foran previamente alisados os esgrafiados que sinalaban os tradicionais cadros e ondulacións dos tecidos do saio, ou da camisa e a saia, para epigrafiar, catro ou cinco séculos máis tarde en latín as inscripcións, funerarias ou propagandísticas, sobre a superficie das caetras, sobre os previamente alisados saios e ainda sobre os xeonllos das vellas estatuas, entón,centenarias. A adscripción cultural destas estatuas é galaica (non són en probidade lusitanas), é celta, é latenián, é e prerromana. Os guerreiros castrexos non teñen culpa de levar grafitti, epígrafes de diversas épocas (nomes de ursupadores, cecais en algún caso funerarios) en latín, ou de xénero diverso (intentos de apropiación da imaxe), sobrescritos tres ou catros séculos dempois da súa realización, e ainda en épocas moi posteriores, xa modernas. Tampouco teñen a culpa de que cando perderon a súa función, seguramente na Galicia baixoimperial cristiana, foran previsiblemente, sacados dos seus túmulos, trasladados e reutilizados e recolocados en novos emplazamentos nas porterías dos castros, cando non empotrados en muros ou paredes. O descoñecemento da cultura que os xenera os fai invisibles na súa función.
É precisamente nos túmulos da Idade do Ferro, nas tumbas de carro onde supostamente encaixarían e se encadrarían as estatuas de guerreiros, como no resto da céltica como as estatuas de Kilchberg ou de Ditzingen (Hirschlanden, Baden-Württemberg, da segunda metade do s. IV a. C.), gerreiros representados heroicamente no mundo celta con con torques, viriae, escudo armas e cinturón, similares aos galos heroizados coma o de Mondragon (Vaucluse); unha heoización que en Galicia viria reforzada pola presencia da saia corta decorada con cadros dispostos ao “bies” de tradición Atlántica (remontable aos tecidos do neolítico e a ambientes luxosos como o eran a representación da decoración, das paredes das tumbas simulando colgaduras e dos vestidos dos deuses dos ídolos placa) polo escudo ou caetra, polo luxo da camisa e da saia.
Ninguén cunha mediana formación comparativista dubida do carácter funerario das estelas decoradas do suroeste peninsular da Idade do Bronce, que irían colocadas na parte alta do túmulo por máis que ningunha de elas fora encontrada no seu sitio, aparecendo sempre estas estelas reutilizadas en multiples lugares.
Algo parecido debería suceder ao noso modo de ver cos guerreiros castrexos, pensados para ser colocados encima dun túmulo funerario (túmulos testemuñados pola mencionada descripción do enterro de Viriato), representando a un nobre celta heroizado ao xeito indoeuropeu, esto é co torques de ouro, coas ostentosas viriae de varios touros tamén de ouro, co sagum, saio ou camisa-saia e ainda con saios de dúas pezas compostos de camisa con escote triangular posiblemente con bordados de ouro ou de prata, e dunha saia curta decorada con cadros de cores, a diferencia das actuais saias escocesas, dispostos ao “bies”.
O feito de que a estatuaria antiga de bulto redondo castrexa non estivera policromada, estándoo a estatuaria de comparables horizontes culturais Atlánticos e centroeuropeos, sería surprendente. Esta hesitación de ter lugar pódese aclarar cunha ollada aos dibuxos que con extraordinario detalle contendo unha análise descriptiva dos guerreiros castrexos da Gallaecia Bracarense figuran representados nas estampas CXX e CXXI. da monumental síntese intitulada “A Cultura Castreja no Noroeste de Portugal” de Armando Coelho Ferreira da Silva.
Recoñocemos nun dos dibuxos mencionados unha saia suxeita cun cinto. Son cinturóns con nervuras laterais e presillas cecais metálicas e con apliques áureos, non é posible coñocer o tipo de fivelas ou placas activas coas que abrocharían estes cintos agochados tralas caetras, máis segundo se desprende da complexidade e aparato decorativo do aplique que no lombo serve de contrapunto ao cinto con forma de rodete, este peche dianteiro para abrochar o cinturón sería unha complexa e luxosa placa ou fibela profusamente decorada, cousa imposible de demostrar por tapar, como dixemos, a caetra que sosten nun alarde marcial de frontalidade o guerreiro castrexo, o peche do cinturón.
Considerando o precedente, ben que lonxano cecais do século VII a.C., da fibela ou placa de cinturón atopada por Antonio de la Peña Santos no castro de Torroso (Mos, Pontevedra) de bronce con damasquinado de prata e pasadores de ferro, e outros, coa debida reserva que demanda o caso, podemos pensar que a fibela, a placa activa ou o peche de cinturón estaría noblemente decorada.
Os detalles decorativos da placa discoidea lumbar do cinturón de algúns dos guerreiros castrexos son anteriores seguramente á conquista romana de Galicia, este é o caso do trisquel que aparece na estatua de guerreiro atopado no lugar de Campos por L. F. Guerra no ano de 1905, estando clarísimamente emparentado cos trisqueles latenians británicos que decoran profusamente unhas pezas de vidro que un conservador do Museo Británico (I. M. Stead) considera pertencerían a un xogo de competición presumiblemente similar ao parchís, aparecen nunha tumba, excavada en Hertfordshire en 1965, de Welwyn Garden City.
Os guerreiros levan puñais triangulares, non necesariamente romanos ao aparecer este tipo de armas nunha área moi extensa de Europa da Idade de Ferro (Wandsworth p. e.), con pomo redondo, en vainas cecais con travesas de bronce rematadas con conteiras de perfil circular.
Uns puñais ou espadas cortas en ocasións suspendidas do cinturón por correas (Ferreira da Silva 305) similares senón estilistica ao menos funcionalmente ao puñal de 38 cms de longo xa desaparecido atopado no rio Witham e publicada en 1863 por A. W. Franks.
As caetras redondas que frontalmente sosteñen os guerreiros castrexos con umbos e decoración chamada “en labirinto” son idénticas as que aparecen representadas nas moedas “de Carisio” acuñadas durante as chamadas Guerras Cántabras, flanqueadas de espadas de pomo redondo, de antenas, e ainda de falcatas, de lanzas, de cascos decorados con cornos de asta o antenas, e de armaduras; o suposto labirinto é en realidade un motivo decorativo de combinacións de cuadrantes semicirculares dispostas en torno a un motivo cruciforme que pode ter unha longa pervivencia dun modo comparable á chamada cruz celta.
Segundo a nosa interpretación do guerreiro Castrexo da citania de San Juliao, Ponte Coucieiro, Vilaverde, representado co nº 4 da Estampa CXX, de Ferreira da Silva a decoración lateniana de palmetas do segundo estilo Waldalgesheim da camisa ou sagum con escote de pico non se corresponde coa tardía inscripción latina da caetra “MALCEINO DOVILONIS F.” que sería cecais uns catrocentos anos posterior á confección da estatua.
O nobre ou príncipe (estatus establecido pola fachenda con que dun modo similar aos deuses lucen os guerreiros castrexos o torques ao colo e as viriae nos brazos) aparecería aquí vestido cun saio (verba que provén, queirase ou non de sagum habitualmente empregada para defini-la capa, amosado que tamén pódese "facer da capa un saio" eq ue o verbum sagum est aequivocum) de duas pezas como se aprecia con facilidade nos guerreiros castrexos ornamentados con decoracións derivadas das palmetas e das flores de loto etruscas, ou greco italianas chegadas ao atlántico e ás Illas Británicas pola via do tráfico mercantil e ideolóxico, decoración adscribible ao chamado estilo I ou ao estilo II dun arte insular celta estudiado por Paul Jacobsthal, por J. M. de Navarro, e recentemente por J. V. S. Megaw & M. Ruth Megaw.
Si resulta frívolo soster polas boas, que toda a estatuaria castrexa é da época romana, atribuir esta estatuaria a supostos colaboracionistas romanos é unha necedade.
Non se pode decir que antes da conquista romana a antiga Gallaecia non coñece a escultura cando son obra galega os bronces votivos sacrificiais do Noroeste (verdadeiras obras mestras da arte atlántica á cera perdida da Idade do Ferro), datable por Blanco Freixeiro no S. III a. C. contemporáneas das estatuas dos principes castrexos que presentan decoración latenian, e ainda puideran ser realizados estes bronces votivos sacrificiais para conmemorar as cirimonias da súa entronización.
Un dos dous guerreiros galaicos que aparecidos no lugar de Outeiro Lezenho, Vasconcelos, Portugal serían gardados no adro da igrexa parroquial de Cobas de Barroso, antes de conservarse no Museu Nacional de Arqueologia e Etnoloxia de Lisboa, ámbolos dous probablemente da mesma man segundo Ferreira da Silva (pp.305, nº546/2) que os dibuxa demoradamente, presenta a típica camisa longa, saio ou sagum cun escote en ángulo ornamentado con motivos xeométricos de circos concentrico encadeados, motivos decorativos antigos, bastante desgastados no tronco, e con escaqueado de liñas oblicuas con losanxos inscritos na saia.
Son precisamente os tecidos en cadro ao “bies” que aquí presentamos os panos dos que fala Diodoro Siculo para os galos e Plinio o Vello (Mª. Jesús Carrera Arós 2000, en prensa) para os lusitanos cando “referíndose ás lás de Salacia incómodas para confeccionar tecidos de longos flecos dí en troques que resultan moi apropiadas para os tecidos en cadro”.
Abaixo con decoración do segundo estilo de Waldalgesheim, os “Chevrons” ou “dentes de lobo” que indican a utilización no Noroeste do tear de catro barras podense ver nun guerreiro galaico de Outeiro Lezenho, parroquia de Campos, concello de Boticas.
Sería posible que certo parentesco de motivos decorativos presente na estatuaria de Outeiro Lezeño respondera incluso a tipoloxias familiares sendo constatable a concomitancia decorativa dos losanxos nas mencionadas estatuas principescas.
Bótase de menos nestas representacións a capa de liño, de lá ou de picote que a altura da clavícula dereita iría prendida dunha grande fivela. O sagum ou longa camisa, ou a camisa e a saia corta, respondería a un intento de heroizar ao príncipe difunto, e probablemente formaba parte do atuendo militar da nobleza celta da antiga Gallaecia.
Ainda que a espida forma do saio (sagum) ou da camisa e a saia prefírese nas representacións plásticas por respostar mellor ao ethos heróico, coas camisas emprégaríanse tamen pantalóns, as brachae ou cirolas suxeitas cunha faixa, tal e como na Historia Ilustrada de Narón (E. Merlán, A. Pena e A. Filgueira) os representamos para ilustrar unha célebre cita de Estrabón, e ainda coñocemos polo rexistro a modo de pasadores para suxeitar as camisas de liño unha especie de trabelas de bronce. Si temos en conta que a chaqueta corta e o pantalón do actual traxe popular galego foi introducida en Galicia nos arredores da vila do Ferrol a finais do século XVIII, tiveron estas prendas longa duración sendo posible que o atuendo popular do labrego: camisa, cirolas, faixa e capote, variara moi pouco ao longo do tempo, e ainda que os cambios no atuendo feminino son outra danza, non hai que esquecer que a dona galega, segundo as fontes clásicas, xa daquela vestía de negro e levaba a saia adornada con froles bordadas; tampouco é novidade que estas bailaran coma hoxe en roda, ou que fixeran pandeiradas batendo no escudo pendurado do pescozo coas máns os homes, ao parecer aturuxando e bailando marcando o punto cos pes no chan, alterno pede, dúas veces cun pé e unha co outro e axionllandose.
En este contexto non é surprendente que o profesor emérito bretón da UBO, Robert Omnés, sostivera que ao igoal que sucede coas tríadas bretonas a pandeirada galega fora música militar.
Ladeando os problemas da orixe da saia escocesa emparentada cecais con aqueles tecidos dos principes celtas estudiados polos aqueólogos nos anos noventa (Bender, L. 1992); (Masurel, H. 1990); (Moullerat, C 2000); (Wayland Barber, E. 2001 ed. esp.), no deixa de ser unha coincidencia o feito de que a excepción dos cadros ao “bies” do chamado Heroon de Glanum de St. Rémy-de-Provence, do s. III a. C. a primeira vez que aparece representada na plástica Céltica Atlántica, a saia de cadros, é precisamente nos cadros ao “bies” de tradición Atlántica dos guerreiros galaicos e, casualmente, Como xa o sinalara Untermann esto sucede tamén precisamente coa propia voz Celta que agás a célebre cita de César nos Comentarios á Guerra das Galias mentres que en Galicia esta voz “celta” e “celtico” estaría porfusamente representada en numerosas inscripcións nos antropónimos, topónimos e teónimos non se encontra recollida na Idade do Ferro en ningún outro país da Céltica.
Segundo se desprende dun recente artigo do mencionado Chistophe MOULHERAT (2000 Los tejidos de los príncipes celtas. Revista INVESTIGACIÓN Y CIENCIA, agosto de 2000 pp. 22-29), arqueólogo especialista en textis antigos, testemuñándose nunha amplia área xeográfica, dende as minas de sal de Hallstat en claro contexto celta os cadros “escoceses” como o amosan uns tecidos de sarga perfectamente conservados cunha cronoloxía dende o ano 1200 a.C. ao 400 a.C, estes abarcarían -como o ven de estudiar Elizabeth Wayland Barber de quen tomamos os precedentes exemplos- cuasi toda a periferia do mundo clásico, chegando incluso ata o corazón de Asia, como sen discusión o amosan as roupas que visten as momias de Ürünchi na rexión de Vigur na China occidental, momias indoeuropeas de cabelos loiros e de posible fala tocaria, lingoa esta ultima que formando parte do protoindoeuropeo ao tempo que, sospeitosamente sin gardar parentesco coas lingoas indoeuropeas orientais, presenta sorprendentes afinidades coas lingoas celticas que se falaban no Atlántico, e ainda có latín.
Co dito nos precedentes parágrafos podemos aventurar que o berce probable de estes motivos decorativos dos teares indoeuropeos de catro barras, estaría, é abondo posible e ainda lóxico, en estado embrionario nos precedentes motivos dos teares de duas barras do Neolítico Atlántico, neses triángulos e ondulacións, como o amosarían as pinturas dos dólmens galegos que como xa temos mencionado en outro lugar e tempo, e mostrado gráficamente na obra Narón unha historia ilustrada na Terra de trasancos, (Eva Merlán, Andrés Pena, et alii, 1995, p. 16) representarían, seguramente, esquevomorfos de estampados de tecidos e de colgaduras, sería indicativa de motivos e de cores de roupas (amable comunicación do noso mestre Luís Monteagudo García) que continuarían desenvolvéndose e repetíndose asemade, dentro do proceso de celtización acumulativa que parte do Neolítico, na profusa decoración dos dólmens e dos ídolos placa do Neolítico ou do Calcolítico Atlantico peninsular, aparecendo tamén tamen nos esgrafiasos dos considerados 'cetros' ou "báculos de mando" e na representación de tecidos sobre moitas estelas antropomorfas europeas da Idade do Bronce.
Como non deixou de suxerilo xa Wayland Barber a propósito das momias de Ürünchi estes cadros e cores das roupas cecais a traverso da combinación das mesmas cores dos tecidos en cadro poideran ser indicativas do rango e da liñaxe de quen os porta, do nobre que con fachenda cecais empregaría no propio cetro os cadros e as cores -no rebumbio “melusino” das xenealoxías celtas- cecais indicativos da mesma divinidade da que, dende a noite dos tempos, a sua liñaxe consideran descender. Máis para Christophe Moullerat, arqueólogo especialista en textiles, a diferencia do tecido de cadros, de maior antigüidade, os motivos de losanxos que portan nas saias e nos saios os guerreiros galaicos, cecais similares aos que posiblemente elaboraban as tecelans lusitanas coas célebres lás de Salacia, non se desenvolverían con anterioridade ao século IX a. C., data do desenrrolo da técnica da lanzadeira volante e do tear de catro barras que permite novos entrelazos dos fios, e de novos sistemas de tintura.
Gracias a esta evolución do tear, as armaduras (ou esquemas de tecido), segundo Moullerat “diversifícanse, sendo a principal o asargado que consiste en producir esquemas oblicuos ou diagonais alterando o ritmo normal de entrecruzado fio a fio, de urdimbre e trama […] o asargado é básico para a confección de motivos como os dentes de lobo (Chevrons) e losanxos, moi propios tamen de este momento” (estase a referir aos séculos que fan do IX ao IV).
Os celtas empregaban numerosas fibras sobre todo a lá e os pelos de diversos animais (a gamuza, o porco, o boi, a delonciña e o porco teixo), e as fibras vexetais como a ortiga, o liño e o cáñamo, como o amosan, documentadísimos na Europa continental envolvendo, os enxovais, armas e baixela de mesa convintemente embalada, os restos non mineralizados de tecidos, ben que escasos, coma os atopados na tumba da primeira Idade do Ferro do principe de Hochdorf (Alemania) ou dunha tumba principesca de Vix (Côte-d`Or) –onde apareceran tamén restos de seda-, testemuñandose os aristocráticos losanxos nestes tecidos presentes tamén nos embalaxes de enxovais de moitas tumbas celtas -sinalando neste sentido Moullerat as excavacións das tumbas de Apremont (Haute-Saone), en Sainte Colombe e as de Trembloi (Côte-d`Or)- excavadas en Francia.
CONCLUSIÓN
Xeneralizándose entre a nobilitas provincial, que non provinciana, a moda e a onomástica imperial, substituiríase pola toga galaico-romana o sagum indíxena con cadros ao biés. O fenómeno continuaría ao adoitar as elites colonizadas os nomes e os modos dos dominadores romanos, considerados máis finos, nun proceso abondo familiar aos galegos de hoxe, de lembrar nosas novidosas Jessicas, Vanessas e Jonatanes, enxebres pola súa extensión e difusión que suplantan no afecto popular aos (no seu día) non menos novidosos nomes de Dolores ou de Lola, de María ou de Maruxa, de Carme, de Xosé ou de Pepiño, e a un amplo santoral tradicional longo de enumerar, substitutivos das (avellentadas novidades onomásticas chegadas cós suevos periclitadas nas urbes e no campo coa entrada da modernidade) Hermesendas, das Visclávaras, dos Munios e dos Froias.
Renegando aos poucos dos familiares apelativos de Caturo, de Camalo, aínda de Burro, prestixioso nome significando posiblemente en lingua indíxena Varón - no galés gur, varón gurraca femia, señora , amable comunicación de Xavier Canosa) ou menos probablemente “pelo crecho”, coma o dun lobo, os señores galegos na dominación romana adoitaron os nomes de Victorinus (seguramente traducción latina do mencionado Caturus), ou de Hirsutus, quizais latinización do anterior Burrus.
Coma quer que fose os cambios formais nos nomes afectaron tamén aos vestidos substituídas as Apanas e as Arabas celtas das liñaxes galegas polas non menos liñaxistas Iulias e Livias. Se quer por unha vez elas non tiveron a culpa.
Considerando o nobre Galaico superior á súa morixerada (dura et adstricta parsimonia) cultura celta o mol costume do dominador romano, o ancestral uso de lucir os señores do país saias de cadros ao biés desaparece para sempre, e, de ter lugar, a posible tradición non menos inveterada de distinguirse con eles.
Continuando a vestir as mulleres de negro e con saias floreadas e os homes co uso da camisa, da faixa e das cirolas, en nada afectarían estes cambios aos campesiños e ás campesiñas, nin á esencial mantenza dos usos e das costumes xurisdiccionais e das simboloxías heráldicas de tradición celta, nos castros e nas aldeas (vici, pagi aut castella) das tribos galegas.
Este traballo precisa para á súa demorada comprensión das ilustración que tentaremos ir colocando con tempo
(c) André Pena Graña. Tódolos dereitos reservados.
No hay imágenes relacionadas.
Comentarios
Pulsa este icono si opinas que la información está fuera de lugar, no tiene rigor o es de nulo interés.
Tu único clic no la borarrá, pero contribuirá a que la sabiduría del grupo pueda funcionar correctamente.
Si te registras como usuario, podrás añadir comentarios a este artículo.
No hay más información.
...0