Autor: Gonzo
viernes, 18 de abril de 2008
Sección: Roma y Grecia en Celtiberia
Información publicada por: gonzo
Mostrado 25.259 veces.


Ir a los comentarios

La conquista romana en la comarca de Arzúa (A Coruña).

Agripa y la Legio IIII Macedónica en la conquista y construcción de la VÍA XIX DE BRAGA A ASTORGA a su paso por la comarca de Arzúa

Breve estudio sobre la toponímia arzuana

 


Pela – Iso, unha orixe romana


 


 


Hai pouco nun proceso de investigación sobre camiños medievais atopamos o topónimo de Pela na laboriosa e extraordinaria obra de Elisa Ferreira Priegue; Los caminos medievales de Galicia (Ourense, 1988), no capítulo; Los caminos de Santiago a Arzúa, describindo o camiño medieval de Boente a Ponte Arcediago un manuscrito (tombo Lugo,30) fálanos dunha demarcación de Afonso III no ano 897: “per aqua de Pella (río Boente)...”. Tamén nun manuscrito de 1279 do mosteiro de Sobrado dos Monxes descríbenos parte do camiño que saíndo das proximidades da actual Arzúa pasaría por Lema, Maroxo, Pela e cruza o río Pella (Boente) ata Sardecoiro; “Ad Arenasalbas et pegit usque as aquam de Pella.....per illa via de Marogio, et venit ad aquam de Pela. máis adiante fálasenos da división entre Pela e Montelongo ”est sub illa via que vadit de Pela ad Courium.


O máis importante destas descricións en latín, (aparte de descartar que Pela se refira a peladura ou tona xa que esta acepción procede de termo latino pelle, ou da outra acepción de penla, pela do lat. pilla) é o antigo nome do río Boente que curiosamente era Pella ou sexa Pela, que un río reciba o nome dun lugar, ou viceversa, ten que ver coa antigüidade da aldea e da importancia que tivo que ter dita aldea no seu entorno. Este antigo camiño en Maroxo xiraba cara Pela  e cruzaba o Pella rematando en Sardecoiro (lugar de producción de coiro como indica o seu nome).                                                                                                                  


            Estes camiños medievais na maioría dos casos teñen o seu nacemento en camiños secundarios romanos que a súa vez foron camiños prerromanos de comunicación entre castros.


Retomando o noso estudio sobre Pela, a antiga Pella pode ter a súa orixe na conquista romana da Gallaecia ou no campamento romano da Cidadela onde estivo asentada a Cohors I Celtiberorum procedente de Mauritania no S.II d.c.. Descartadas as linguas románicas para atopar a súa orixe buscamos Pella, pois, na antiga lingua latina; Pella-ae: Cidade de Macedonia (Grecia) – Pellaeus-a-um: de Pella; macedonio // de Alexandría; exipcio.


Pella -hoxe Palea Pélli- foi a capital do Imperio Macedónico onde naceu Alexandro Magno (356-323 a.c.) aquel rei que conquistou o Imperio Persa en catro anos. No ano 168 a.C. foi ocupada polos romanos. Augusto instalou nela os seus soldados veteranos no s. I a.C.. Outra antiga cidade de nome Pella en Palestina fundada posiblemente no 332 a.C. por Alexandro Magno, foi refuxio de cristiáns de Xerusalén no ano 70 d.C.


Non temos dúbidas de que a Pella macedónica é a orixe do topónimo da nosa Pella, voltando á obra de Elisa Ferreira, na mesma cita do ano 1279 (AHN T Sobrado, II, 71 v.º 72) aparécenos o topónimo orixinal do río Iso (“...per ipsum fluvium de Ysso”).                                                              


Ysso -nas proximidades da cidade de Adana no sur da actual Turquía- é a cidade mediterránea do antigo Imperio Persa onde Alexandro Magno derrota ao rei persa Dario III (ano 333 a.C.), e pon punto inicial ao espallamento do Imperio Macedónico polo continente asiático.


Temos referencias históricas de dous ríos que cruza a Vía XIX na comarca arzuá, e que coinciden perfectamente cos topónimos das cidades máis importantes da historia do imperio de Alexandro Magno, procuremos, logo, a súa orixe.


 


 


A conquista da Tarraconenses occidental


 


O primeiro paso que dá Roma na Galicia actual é o da conquista. Ao norte do río Douro, a futura Gallaecia* é un territorio inhóspito para os estranxeiros, é o finis terrae* do mundo coñecido. A súa orografía e a resistencia nun primeiro momento da poboación castrexa, fai da nosa Galicia un dos últimos bastións non romanizados do mundo occidental.


Dende o século II a. C., os romanos teñen coñecemento da sonada ruta do estaño que os fenicios de Gadis (Cadiz) coñecen e gardan en secreto para si, é a ruta das Illas Cassitérides- ¿Illas atlánticas galegas? -, unha ruta onde os gaditanos teñen un comercio moi beneficioso cos pobos galaicos.


Roma envía no 137 a.C. a Décimo Xunio Bruto O Galaico, que sería protagonista do famoso acontecemento do río Limia coñecido como o río do Esquecemento[1], para conquistar o norte do Douro e dobregar aos galaicos.


No 61-60 a.C. Xulio Cesar, necesitado de riquezas, chega ao Golfo Ártabro (rías de Ferrol, Betanzos e A Coruña) cos seus barcos de guerra. Esta expedición sérvelle a Cesar para comprobar as extraordinarias riquezas desta terra, xa naqueles tempos, de grande sona en todo o mundo coñecido, sobre todo en ouro e estaño.


Esta riqueza mineral e a súa estratéxica situación xeográfica será o que empuxe ao emperador Augusto desde o 26 a. C. a intentar a completa dominación da futura Gallaecia. Augusto e os seus partidarios están nunha delicada situación económica, moitos dos seus veteranos das lexións repartidas por todo o mundo están a punto de se licenciar e hai que pagar a súa lealdade ao emperador, Roma precisa de riquezas e só na Tarraconenses hai que soster a máis de 35.000 lexionarios. Augusto está necesitado dunha victoria que lle reporte riqueza (ouro e estaño), e prestixio por ser o dominador do finis terrae.


As zonas máis ricas en ouro da actual Galicia eran o val ourensá do Miño e Sil e as montañas lucenses. O estaño está máis repartido entre a zona ourensá e as concas do Ulla, o Deza e a costa atlántica.[2].


Para poder explotar esta riqueza, o emperador terá que emprender as que se chamaron guerras astur-cántabras (Floro, Orosio e Dión Casio son os narradores romanos que nos informan delas) e enviar as lexións máis combativas de Roma; I Augusta, a IIII Macedónica, V Alaudae na zona noroeste da Tarraconenses (cántabra para algúns autores) e a X Gemina e a VI Victrix na lusitana. Tres bases operativas para ditas guerras; Brácara (Braga) no norte da lusitania, Asturica (Astorga) na zona astur e Segisamo (Sasamón,Burgos) na zona cántabra.


Porá fin a ditas guerras o asedio e victoria romana no Monte Medulio, hoxe en día, aínda en discusión a súa real emprazamento Monte Aloia (Tui), en Castro de Rei (Lugo) ou nas Médulas (O Bierzo).


Asemade, as lexións deseñan e constrúen as calzadas das vías. “Baseándose en textos do xeógrafo grego Estrabón (s. I d.C.), algúns autores cren que xa moi seguido da conquista, Roma estructurou o N.O. en distritos de carácter eminentemente militar para ter controlado o territorio recen anexionado, e nos que estarían asentadas cadansúas lexións (Legio IV Macedónica, Legio X Gemina e a Legio VI Victrix) , distribución que logo Vespasiano (no 69 d.C.) cambiará deixando só no Noroeste unha soa lexión de nova creación, a Legio VII Gemina (no que hoxe é León)” [3].


As tres vías romanas principais; a VIA XVIII NOVA DE BRAGA A ASTORGA, a VIA XIX DE BRAGA A ASTORGA e a VIA XX DE BRAGA A ASTORGA (pola costa) eran as principais redes de comunicación que os romanos construíron para a explotación da riqueza mineira. A explotación de xacementos comezaría coa conquista desde o s. I a.C ao s. IV d.C..


 


 


Agripa e a Legio IV Macedónica


 


 


Dión Casio fálanos da resistencia dos galaicos do interior, aínda, no 16 a.C... No ano 19 a.C., o emperador Augusto mandou, para conquistar o norte Tarraconenses á Lexión IV Macedónica* e ao fronte dela;  Marco Vipsanio Agrippa ( 63 –12 a.C.), amigo, xenro e correxente do emperador, implacable xeneral e gran administrador que mandou construír o Panteón, saneou e urbanizou  Roma e que con varios estudiosos preparou un Mapa Xeral do Imperio (Orbis Terrarum) no que se basearían Estrabón e Plinio para os seus traballos.


A relación de Augusto e Agripa vén da infancia, ambos son veciños nas aforas de Roma. No 45 a.C. Xulio Cesar (pai adoptivo de Augusto) enviou a Augusto-aínda Octavio-, a Mecenas e a Agripa á Academia de Apolonia (Macedonia) , fundada por Anaximandro cinco séculos antes, para formalos militar e intelectualmente. Aquí, Agripa fórmase en xeometría, arquitectura, xeografía, urbanismo, arte militar e filosofía do goberno, foi ademais coma Augusto, Gran Mestre da confraría da ciencia sagrada romana (magistri collegium) e facíase recoñecer coma un L.F. Lucis Filius (Fillo da Luz)


Nestes últimos anos do século I a. C., a sociedade da res pública romana estaba nunha clara crise de identidade. A falla de valores e fe nos deuses, a vida social viciada e sen rumbo moral preocupan a Augusto e Agripa. Ambos, seguidores da filosofía do bo goberno, a partir do ano 30 a.C., crearán unha forte ideoloxía baseada na relixión arcaica romana e a clásica grega. Imítase a antiga cultura grega, e no arte militar, o gran Alexandro Magno é o modelo a seguir. Augusto utilizaba como selo o retrato de Alexandro Magno e nos seus monumentos había constantes referencias ao rei macedónico[4].


Entre os éxitos máis importantes de Agripa, como militar, destacan; a captura de Perusia (41 a.C.) ao norte de Roma, a Batalla de Accio (31 a.C.), onde derrota a Marco Antonio e Cleopatra, a pacificación da Galia (38 a.C. e 27-20 a.C.) e o fin das Guerras do Noroeste Tarraconenses (19-18 a. C.).


Ata a súa morte, acaecida no 12a. C., a Agripa envíaselle frecuentemente a librar as guerras máis importantes do Imperio, efectuando as campañas na Península Ibérica, a Galia e Germania, os Balcanes e Oriente con gran éxito. Evidentemente, era un comandante moi capaz, máis non nos sobreviviu fonte algunha que mencionara as súas campañas. Quizais non se trate dunha pura coincidencia, pois os seus éxitos máis grandes atribuíronse sempre publicamente a Augusto o emperador.


A súa estancia no norte peninsular permitiulle realizar un exame detallado da súa xeografía e aportou detalles xeográficos de extensas zonas do norte, escasamente coñecido ata o momento. Aínda que non temos constancia epigráfica*, nin reseñas literarias, é evidente que a presenza de Marco Vipsanio Agripa no norte hispano non se pode entender só como unha campaña militar de pacificación. Agripa vén de pacificar  a Galia e deseñar a súa rede viaria, é lóxico pensar, en base a estes datos, que ao mando da Legio IIII Macedónica, logo da terrible operación de castigo en Cantabria, tomase parte na conquista e extinción das revoltas dos galaicos do interior dos anos 19-16 a.C. e no planeamento das obras da VIA XIX e demais vías da futura Gallaecia.


Tendo en conta o carácter de home de estado de Agripa sería impensable dubidar da súa presenza nunha das zonas máis ricas en estaño e ouro do mundo coñecido, nun  momento no que Agripa, co seu grupo de estudiosos (240 en total),  está a completar o famoso Mapa Xeral do Imperio. Investigadores coma Sánchez-Montaña outorgan a Agripa, nunha peculiar teoría, a autoría do planeamento da cidade de Lucus Augusti[5].


 “Que o territorio de influencia das lexións romanas (territorium legionis) era un todo descontinuo, parece o máis probable”[6] , no caso da Legio IIII Macedónica abarcaría un extenso territorio. Temos constancia arqueolóxica dun campamento da Legio IIII Macedónica en La Griega (Colunga, Asturias) na beira do Cantábrico, fronteira entre astures e cántabros, precisamente este nome, La Griega, recíbeo da Legio III Macedónica,que era o calificativo polo que se coñecía na Asturica  dado a súa orixe na península grega,este debeu ser o primeiro campamento da IIII Macedónica na península, Agrippa viña da Galia por mar e La Griega está moi preto de Lastres, importante porto da época,  tamén, varios autores outorgan á IIII Macedónica a construción das Termas Romanas de Campo Valdés no Xixón antigo. A Legio IV, con Agrippa ao mando recorrería Asturica e proxectaría a Lucus Augusta, nas campañas de conquista do norte. Logo, establecerán outro campamento en Segisamo (Sasamón, Burgos). Xa máis tarde, a IV Macedónica colaborou na construción e mantemento de vías entre Zaragoza e Pamplona e na edificación da ponte de Martorell (Barcelona), entre outras obras de carácter militar, logo de apazugar o noroeste tarraconenses.


 


 


 


A conquista romana na Arzúa e a vía XIX


 


A nosa hipótese é que nas tarefas de conquista, planeamento e construción da VIA XIX, Agripa e o grupo de xeógrafos e urbanistas que o acompañan nas súas campañas militares, bautizarían os nosos ríos cos nomes destas dúas cidades; Pella e Ysso, tan importantes na historia macedónica, na honra de Alexandro Magno, macedónico e o mellor estratego militar dos tempos antigos. Hai que recodar que os veteranos das lexións romanas estaban asentados en Pella por orde de Augusto, era naqueles momentos unha cidade de gran importancia no mundo militar, Ysso simbolizaba a vitoria sobre o mundo oriental. Agripa, no período de conquista do noroeste ibérico, está ao mando da Legio IV Macedónica.


 Estes topónimos daríanos indicios probatorios para a confirmación da presenza desta lexión romana na comarca arzuá, e reafírmanos na teoría de que a antiga VIA XIX viña dende Melide e atravesaba Arzúa. Que os romanos do imperio bautizaran estes dous ríos é a proba feaciente de que cruzaron as terras arzuás polos mesmos pasos que logo os peregrinos xacobeos, desbotaría, pois, as teorías de algúns autores, que actualmente, sitúan a VIA XIX ao sur de ambos concellos[7]. Quédanos para outro traballo indagar onde puideron acantonarse as centurias da famosa Legio IIII Macedónica durante os labores de construción da calzada e conquista da comarca.


 


Será sobre os anos 16 - 14 a.C. cando os romanos consoliden o seu poder militar na nosa comarca e comecen a construír a VIA XIX, normalmente, aproveitando os antigos camiños entre castros, para transportar as tropas e comezar a explotación dos minerais. Quizais para motivar ás tropas, neste período de conquista, os romanos sacralizasen o Finis terrae. Dende Asturica ata o confín da terra coñecida había que construír unha vía de penetración na zona dos galaicos. A VIA XIX DE BRAGA A ASTORGA (a máis antiga de Galicia)  cruzaba o concello de Arzúa de este a oeste.


Algúns historiadores como X.M.Caamaño, quixeron ver a mansión romana de Asseconia na actual parroquia de Oíns, hoxe en día, tamén identificada con A Sionlla, Sigüeiro, Aixón ou Santiago de Compostela, a seguinte mansión romana cara Astorga era Brevis (Ponte Furelos ou Melide), nin rastro da famosa Araduca que tantos adeptos ten en Arzúa e que realmente atópase no norte de Portugal.


A VIA XIX discorrería dende Boente ata a Calzada en Burres, case, polo mesmo itinerario que hoxe ten o Camiño de Santiago. O actual casco urbano de Arzúa sería unha zona improductiva con abundante arxe que coincidía cun cruce de camiños; o camiño do norte que comunicaba a comarca co campamento romano da Cidadela e Brigantium (A Coruña), a VIA XIX que cruzaba dende as mansións romanas de Brevis ata Asseconia e o camiño de Pela cara o sur. Co tempo, esa zona de arxe, daríalle o nome á vila nova de Arxúa como ben ten estudado Díaz y Díaz no seu traballo sobre o topónimo de Arzúa, a castelanización dos topónimos convertería Arxúa en Arzúa.


 


 


 


 


Os habitantes dos castros arzuás


 


O populus* que habita esta rexión comprendida entre Iria-Flavia e Lugo chamábase o pobo coporo ou caporo, estaba integrado por unha serie de sub-comunidades, os castella (castros). É un pobo, que nestes anos II a.C. e I a.C., ten unha certa organización social, viven nos castros e a súa economía basease na gandería, a caza e unha precaria agricultura (aínda non coñecían o arado), traballaban o ouro, a prata, o bronce e o ferro. 


O que está claro, e que estamos nun concello onde a organización da sociedade castrexa é antiquísima, e viríase xestando a súa conformación dende uns 700 anos a.C., cando as oleadas de individuos celtas da Europa central fusionáronse cos antigos nativos arzuáns.


 


 


A romanización na comarca


A comarca de Arzúa foi unha zona onde a romanización debeu ser destacable. Diversas referencias documentais, vestixios materiais e topónimos da comarca así nolo confirman. O primeiro que chama a nosa atención é a cantidade de minas romanas que hai espalladas polas parroquias achegadas a Pela[8]; cinco na parroquia de Lema, tres en Dombodán, dúas en Viñós, unha en Brandeso, unha en Pantiñobre e outras tres na parroquia de Viladavil ao norte da Vía XIX, cara a Cidadela. A partir do século II d.C. coa reforma administrativa dos Flavios os procuradores (cargo civil administrativo relacionado co fisco imperial) estaban auxiliados por procuratores metallorum, libertos imperiais (moitos de procedencia militar) encargados directamente do control da explotación mineira. Tranoy na súa obra La Galice Romaine,1981, localiza un destes libertos instalado en Castrofeito (O Pino) onde había un casal*. En Ponte Puñide, Gonzar atopouse unha medida de capacidade de bronce do s. IV d.C., por esta zona sitúa J.Sánchez-Palencia un xacemento primario de ouro. Topónimos como Calzada (Burres), León (Oíns), Calle (Ferreiros) ou apelidos coma Verea e Casal falan por si sos da súa orixe romana.


O camiño sur das minas romanas pasaría por Lema que sería, pois, unha parroquia máis antiga que Santiago e Santa María de Arzúa, logo seguiría cara a Marogio (Maroxo)[9], Pella (Pela) e Courium (Sardecoiros), os tres topónimos de orixe romano, o que nos indica que esta sería a zona onde a presenza do continxente romano, nun primeiro momento da conquista, foi máis importante. Isto é debido en primeiro lugar á explotación mineira (as quince minas romanas da zona así o testimonian), ademais, era unha zona poboada dabondo para cumprir coas necesidades de man de obra (oito castros). En segundo lugar, a producción de trigo na Gallaecia foi sempre deficitaria, un problema para o imperio romano que tratou de solucionar coas pratas*, outros productos como o liño, por exemplo, con fonda tradición na comarca, foi un tecido moi apreciado en Roma, ámbalas dúas cuestións deberon ser determinantes para o establecemento dos romanos nos dous enclaves de Pela (posiblemente un casal ou vicus*) e Maroxo. Ambos vales están convenientemente regados polos ríos Brandeso, Ysso e Pella, o que favorecería, ademais, a cría de cabalos das correspondentes centurias romanas (unha lexión solía constar de 300 xinetes).


A administración imperial deseñada por Augusto e Agripa estaba controlada rixidamente polos fieis libertos imperiais, estes tres enclaves romanos onde Maroxo debe ser a entidade de maior rango (vén reseñada coma unha villae* nos textos antigos), pertencerían á administración imperial romana, en Pela ou Maroxo, as dúas dedicadas tamén á agricultura, residiría, co tempo, posiblemente, un procuratore metallorum, encargado do control das quince minas do redor, en Sardecoiros produciríase o coiro necesario para abastecer a zona. Os habitantes dos castros do entorno serán nun primeiro momento escravizados polos lexionarios para realizar os traballos máis pesados (construción de calzadas, minas, etc..), tamén, serían enrolados nas lexións e obrigados a baixar aos vales para practicar a agricultura, comezando a explotación agropecuaria do campo. No caso de Pella as excelentes condicións climáticas, a fertilidade do solo, así como, a busca de estaño e ouro na zona, deberon ser a motivación para a fundación dun enclave romano.


Pouco a pouco, paralelamente ao abandono paulatino dos castros pola poboación indíxena, vaise producir, primeiro, o inzamento dos campamentos romanos, e, despois, a creación de villaes, casais, vicus, onde co transcorrer do tempo a poboación castrexa ficará asimilada dentro da estructura social romana, máis tarde, nos comezos do século III d.C. o Emperador Caracalla concede a cidadanía romana a tódolos homes libres do Imperio, culminándose o proceso de integración social na Gallaecia.


 

AS PEGADAS DOS ROMANOS NA COMARCA DE ARZÚA

 


Quizais, o legado máis importante que nos deixaron os romanos, desde o punto de vista cultural, foi o da nosa lingua, herdeira do latín popular que as tropas romanas trouxeron a esta terra. Mais, tamén, hai que resaltar o dereito romano, xermolo do dereito occidental.


Na arquitectura aportáronos as construccións a dúas augas e a utilización da tella para a cubrición de tellados. O arco de medio punto, a bóveda de canón, as pontes, os muíños, os fornos de pedra, as canalización das augas, etc... A horrea agrippina, curiosamente, unha idea do xenial arquitecto Marco Agripa, será a orixe dos nosos hórreos.


Aos romanos debemos, tamén, a introducción dos castiñeiros, o arado romano, a pesa romana (aínda se ve algunha nas feiras), o viño, o trigo (os castrexos facían unha especie de pan de landras), o centeo, etc...


Nos costumes e cultura da comarca as pegadas dos romanos son doadas de espreitar; o excelente queixo, a afección polos cabalos, o traballo do coiro, o gusto pola caza, a elaboración do pan, todas elas costumes moi arraigadas nos arzuáns que se traducen, hoxe en día, na sonada Festa do Queixo, a Feira do Cabalo, a Feira dos Cans de Caza, o Museo do Coiro, As Xornadas do Pan..


 


 


GLOSARIO


 


-     Arxúa:             Zona de abundante arxe


-     Casal:              Enclave viario de dúas casas pegadas para servicio de viaxeiros.


-          Epigrafía:       Ciencia auxiliar da Historia, que estudia as inscricións e textos sobre pedra e metal.


-     Gallaecia:         Provincia romana  a partir do 305d.C.. Dividida anteriormente nos Conventos Bracarense (capital; Braga), Lucense (capital; Lugo), Asturicense (capital; Astorga).


-     Finis terrae:    Fin do mundo coñecido.


-     Legio IV Macedónica: Lexión creada no 48 a.C. por Xulio Cesar, partidaria do futuro emperador Augusto fillo adoptivo do anterior, estacionada nos seus inicios na provincia romana de Macedonia, composta por preto de 5000 homes.


 


-      Miliario:           Columna ou padrón de pedra. Na maioría das veces fan de marco quilométrico das vías romanas.


-     Populus:          Pobo ou grupo de comunidades galaicas agrupadas baixo un nome e afincadas nun territorio ou comarca común.


-     Pratas:             Parcelas pertencentes a unidades lexionarias e de tropas auxiliares concedidas directamente polo emperador


-     Toponímia:      Disciplina que estudia os nomes dos lugares. T. Maior; vilas, aldeas, ríos. T. Menor; casas, leiras, regatos.


-     Vicus:               Aldea romanas. Moi ligadas ao proceso de conquista


-     Villae:               Mansión romana rurais ligadas normalmente a explotación agraria.


 


 


 


RESTOS PRERROMANOS E ROMANOS DE INTERESE NA COMARCA DE ARZÚA

 


-          Vía XIX de Boente a Calzada coincidente co Camiño de Santiago


-          Cidadela (Sobrado dos Monxes)


-          Mina romana do Burato dos Mouros da Trapa (Viladavil)


-          Castro Curbín


-          Camiño e ponte medieval de Ribadiso (no seu orixe romano)


-          Miliario* de Boimorto


 


TOPÓNIMOS ARZUÁS DE ORIXE ROMANA


 


-          Pela. De Pella (Macedonia)


-          Iso. De Ysso (antiga Turquía)


-          Ribadiso. Significa; enriba, na beira do Iso


-          Calzada (Burres). De calzada romana (VIA XIX)


-          León (Oíns). De legio (lexión)


-          Vilar. De villae, aldea pequena, lugar. Conxunto de terras de labradío.


-          Vilasuso. A segunda parte suso provén do latín sursum, arriba, no alto. Significaba pequena aldea no alto


-          Suso. Igual orixe que a anterior.


-          Viso, O. Provén do latín visu, ver, contemplar.


 


 


 


 


TOPÓNIMOS ARZUÁS DE ORIXE CELTA


 


 


-          Pantiñobre. Terminado en bre procede da forma celta brix, que significa poboado fortificado en altura (castro).


-          Baiobre. Igual que o anterior.


-          Cortobe. O seu sufixo tamén parece proceder de bre


-          Maroxo. De Marus, Maro nome propio de persoa de orixe celta. Evolucionou do Mar+óg+ium latinizado ao  Marogio medieval ata o Maroxo actual.


-          Burres. Do celta bur-r, Buro,Burro, tamén nome propio referido á divinidade solar; o gran vermello (o sol), os romanos latinízano como burrus rubio, vermello. Da mesma raíz, temos o castelo de Burriac en Cabrera (Barcelona) ou Burey e Bury, en Francia.  


-          Dombodán. De Dominus Bódanus, outro nome latinizado que significa o Deus Bodán:


Dominus, señor, amo, Deus. Bódanus, o deus guerreiro xermánico Wotán, Bodán, Odín


 


BIBLIOGRAFÍA


 


-          FERREIRA PRIEGUE, E. : Los caminos medievales de Galicia. Ourense, Boletín Auriese,1988.


-          CAAMAÑO GESTO, X.M. : As vías romanas. Compostela, Cadernos Museo do Pobo Galego. 3, 1984.


-          SANTOS YANGUAS, N. : El ejército y la romanización de Galicia. Oviedo, Universidad de Oviedo, 1988.


-          RODRÍGUEZ COLMENERO, A. : Galicia meridional romana. Deusto, Universidad de Deusto, 1977.


-          GARCÍA QUINTELA, M. : Galicia Historia Tomo I. A Coruña, Eds. Hércules, 1991


-          CAAMAÑO GESTO, X.M. : Galicia Historia Tomo I. A Coruña, Eds. Hércules, 1991.


-          BALIL, A. : Gran Enciclopedia Rialp. Tomo XVIII. Barcelona, 1974.


-          ARIAS VILAS, F. A romanización de Galicia. Vigo, Eds. A Nosa Terra, 1992.


-          RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, J. : Historia de las legiones romanas. Madrid, Eds. Almena, 2003.


-          RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, J. :Diccionario de batallas de las historia de Roma. Madrid, Signifer libros, 2005.


-          YANN LE BOHEE. El ejército romano. Barcelona, Editorial Ariel, S.A. 2007


-          ADRIÁN GOLDSWORTHY. Grandes generales del ejército romano, campañas, estrategias y tácticas. Barcelona, Editorial Ariel, S.A. 2005.


-          LÓPEZ BARJA DE QUIROGA, P. – LOMAS SALMONTE, F.J. : Historia de Roma. Madrid, Ed. Akal, 2004.


-          RODRÍGUEZ RESINO, A. Do Imperio Romano á Alta Idade Media. Noia, Ed. Toxos Soutos, 2005.


-          HERMAN KINDER – WERNER HILGERMANN. : Atlas Histórico Mundial Tomo I. Madrid, Eds. Istmo, 1980.


-          WERNER ECK. Augusto y su tiempo. Madrid, Ed. Acento, 2001.


-          AUGUSTO FRASCHETTI. Augusto. Madrid, Alianza Editorial, S.A. 1999.


-          INST. GEOLÓGICO Y MINERO DE ESPAÑA. : Mapa metalogenético, Lugo 1:500.000. Madrid. E.E. Adaro de Investigaciones Mineras, S.A. 1975.


-          CONCELLO DE ARZÚA. : Catálogo de patrimonio arqueolóxico e histórico do PXOUM,     . 2006.


-          CARMEN CASTILLO. Un nuevo documento de la legio IV Macedónica en Hispania. Santiago de Compostela, I Reunión Gallega de estudios clásicos. Editor Díaz y Díaz, M.C. 1979.


-          GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA. Xixón, Editor Silverio Cañada, 1974.


-          GRAN ENCICLOPEDIA DE ESPAÑA. Barcelona, Eds. Valatenea, S.L., 2005.


-          MEYER REINHOLD. Marcus Agrippa. A biography. New York, The W.F. Humphrey Press, 1933.


-          PAUL ZANKER. Augusto y el poder de las imágenes. Madrid, Alianza Editoral, S.A., 1992.


-          RODRÍGUEZ COLMENERO, A. FERRER SIERRA, S. ÁLVAREZ ASOREY, R. Miliarios e outras inscricións viarias romanas no noroeste hispano. Lugo, Consello da Cultura Galega, Lugo 2004.


-          DÍAZ Y DÍAZ, M.C. Propuesta etimológica para el topónimo Arzúa. Homenaxe a Ramón Lorenzo/ Edición de Dieter Kremer. Vigo, Galaxia, D.L. 1998. P. 923-927


-          CARIDAD ARIAS, J. Cultos y divinidades de la Galicia prerromana a través de la toponímia. A Coruña, Fundación Pedro Barrie de la Maza, 1999.


-          CABEZA QUILES, F. Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado. Vigo, Edicións Xerais de Galicia, S.A., 1992.


 


Autor: Celso Alberte Magariños Costas


 


Artigo: Os romanos na comarca de Arzúa


O artigo, Os romanos na comarca de Arzúa, foi rematado o día 16 de outubro de 2007 na cidade de Santiago de Compostela, utilizouse para a súa realización o procesador de textos: Microsoft Word.


 


 


 



[1] Segundo a lenda o que atravesase este río ficaba desmemoriado. Décimo cruzouno e chamou aos seus homes, un por un, polos seus nomes.



[2] Inst. Geológico y Minero de España. Mapa Metalogenético. 1975



[3]  Arias Vilas, F. A Romanización de Galicia. Vigo 1992



[4]. Augusto y el poder de las imágenes. Paul Zanker, Madrid, Alianza Editoral, 1992.



[5] Agrippa seguindo as crenzas arcaicas sobre o Deus Ianus (Xano) situaría á cidade de Efeso (actual Turquía) como porta oriental (principio) do mundo coñecido onde se ergue o Deus Xano Ianus (deus público do imperio, protector das portas), Roma no centro do mundo e Lucus Augusti (Bosque Sagrado de Augusto) coma porta occidental (fin) onde se deita o Deus Xano. Vincula os inicios do Camiño de Santiago a esta ruta que neses momentos remataría en Lugo.



[6] Un nuevo documento de la legio IV Macedónica en Hispania. Santiago de Compostela, CARMEN CASTILLO. 



[7] Ver Miliarios e outras incricións romanas no Noroeste Hispánico. Lugo, Rodríguez Colmenero, A. e outros. 2004.



[8] Catálogo de Patrimonio arqueolóxico e histórico do PXOUM do Concello de Arzúa 2006



[9] López Ferreiro recolle na Historia de la S.A.M.I. Catedral de Compostela este topónimo das fontes antigas.

Escribe aquí el segundo bloque de texto de tu artículo


No hay imágenes relacionadas.

Comentarios

Tijera Pulsa este icono si opinas que la información está fuera de lugar, no tiene rigor o es de nulo interés.
Tu único clic no la borarrá, pero contribuirá a que la sabiduría del grupo pueda funcionar correctamente.


    No hay más información.
    ...0

Si te registras como usuario, podrás añadir comentarios a este artículo.

Volver arriba