Autor: Ofydd
miércoles, 29 de agosto de 2007
Sección: Opinión
Información publicada por: Ofydd
Mostrado 18.396 veces.


Ir a los comentarios

O Pasatempo de Betanzos: de Xardín da Razón a Xardín da Superstición

De como "O Capricho do Indiano", parque enciclopédico consagrado ao saber, foi transformado en campo de concentración franquista.

Unha nota aclaratoria

Este traballo está feito de xeito rápido e falta desenvolver dun xeito máis rigoroso moitos dos contidos. Falta concreción, non rigor, e en todo caso o  que non hai son datos erróneos. O groso do traballo está feito sobre testemuños orais de xente que viviu os episodios que se relatan e se acaso pode ser ese o seu valor.


Unha galería de imaxes sobre o vello Pasatempo pode verse aquí e neste outro enlace algúns detalles que perviven aínda hoxe daquel Pasatempo.

 1-     O Pasatempo: parque enciclopédico ou libro de pedra?


O Parque do Pasatempo, ou Horta de Don Juan, foi definido por Luis Seoane como “parque enciclopédico” polos saberes que encerraba e figurou nas guías Michelín dos anos 20 coma referenza de obrigada visita. Mesmo algunha guía de visitas actual recolle o seu nome para falar da orixe dos parques temáticos. Mais, que foi e que é o libro de pedra do Pasatempo?


Enclavado na cidade de Betanzos, histórica cidade galega, o Pasatempo foi unha magna obra comezada en 1897 por un indiano. Juan García Naveira emigrou a Arxentina moi novo, onde acadou a cultura e a prosperidade que en Galiza non pudiera lograr. Retornado á terra que o vira nacer, decidiu invertir parte da súa riqueza en crear benestar na súa cidade. A obra benéfica dos irmáns García Naveira (pois a Juan sumouse tamén Jesús) deu a Betanzos dúas escolas, un asilo de anciáns, dous centros para discapacitados, dous lavadeiros públicos, melloras no Hospital que daquela funcionaba na cidade e, ademais doutras cousas e brillando con luz propia, o Xardín do Pasatempo. Encarna Otero ten afirmado que os García Naveira crearon en Betanzos o antecedente directo do Estado do Benestar, e de feito, grazas á obra destes dous benefactores, Betanzos é o concello europeo coa menor taxa de analfabetismo.


O Xardín do Pasatempo naceu coma un proxecto persoal de Juan García Naveira cunha triple finalidade, segundo el recoñecía. En primeiro lugar, nun momento de crise agraria, serviu para empregar nas súas obras ata 200 obreiros. A estes obreiros Don Juan os obrigaba a asistir a clase nas Escolas que xunto ao seu irmán fundara, para que aprenderan a ler e escribir. De igual xeito, os convidaba a tomar un traballo mellor remunerado se daban con el, asegurándolles traballo no Pasatempo en caso de deixalo ou perdelo. Finalmente, un sistema rudimentario de seguranza social que os cubría en caso de accidentes.


Por outra banda, o Pasatempo era o libro de pedra que dixo o poeta, e servía para educar á xente mentres desfrutaba dun paseo agradable, precedente do inglés learning-by-doing. Por iso incluíu entre os relevos e estatuas escenas bíblicas, mapas, reproduccións de obras de arte e de pasaxes da Historia universal e española, monumentos do mundo, a última tecnoloxía (daquela representada por un buzo submarino, un aeroplano ou un dirixible) e os animais exóticos (hipopótamos ou elefantes, por exemplo) xunto a un zoolóxico vivo.


E finalmente, o Pasatempo axudaba a soster economicamente ao Patronato Benéfico-Docente García Hermanos, composto polas Escolas e o Asilo de Anciáns. A entrada ao Parque e a venda das postais de recordo aportaban diñeiros para garantir a viabilidade do Asilo.


O Pasatempo foi pioneiro no seu tempo por ser o primeiro lugar do Estado en empregar o cemento Pórtland, sumouse ás vangardas do momento, tanto nos avances técnicos que vimos de referenciar coma na arte, onde a art-decó de Gaudí atopa un paralelismo galego nos Colosos, e o azulexo trae ecos do parque de María Luisa que daquela Sevilla levantaba.


A definición de parque enciclopédico de Seoane rendiulle xustiza no tratamento dos contidos, pero sen dúbida o Pasatempo é unha declaración de intencións do seu artífice, un canto á xustiza social.


2-     A situación social no Betanzos de entreguerras.


Betanzos era, a comezos do século XX, unha vila enclavada no seo dunha comarca netamente rural. O sector primario ocupaba a gran parte da poboación e a industria reducíase á vella fábrica de curtidos da Magdalena, a fábrica da luz e a unha primeira transformación da madeira. O resto da poboación adicábase ao comercio, actividade económica tradicional da cidade ao aproveitar a extensa área de influencia. Dentro do agro, os braceiros eran parte importante do total, e os pequenos agricultores propietarios alcanzaban a outra metade.


Todo isto foi caldo de cultivo dunha importante actividade autoorganizativa e sindical, dando lugar a múltiples sociedades agrarias e sindicais, as máis delas vencelladas ao agrarismo socialista e o anarquismo. A presenza do nacionalismo foi testemuñal e en torno á Irmandade da Fala de Betanzos, das primeiras en aparecer.


A situación económica era, con todo, semellante á do resto de Galiza, cunhas taxas de emigración importantes, o atraso agrario derivado do lastre do sistema dos foros (que motivara anos antes, en 1907, o célebre descurso de Manuel Lugrís no mitin en Betanzos de Solidaridade Gallega) e unha industrialización incipiente e volcada na costa.


Juan e Jesús García Naveira, emigrantes, deberon tomar contacto cos ideais socialistas na súa estadía en Arxentina, e de aí debeu saírlles o anceio de xustiza social que inspira a súa obra, pois non se debe errar e ver caridade onde se quixo facer xustiza social. A importancia que a educación recibe no seu legado é a proba das súas pretensións transformadoras, de promover o progreso do home a través da cultura. O Pasatempo, foi, nese ideal, unha peza clave para popularizar e difundir a cultura a onde non chegaba a escola. Pero os ecos do ideario socialista pálpanse de xeito ostentoso tamén no Pasatempo, onde deixaron escrito en altorrelevo “Jesucristo fue el primer socialista”, e sobre todo no legado de Jesús para levantar a Casa do Pobo onde se establecesen todas as sociedades obreiras e agrarias de Betanzos. E non falta quen ve ecos masónicos en moitos dos elementos do Pasatempo, vencellándoo aos ritos das loxias e facendo masón ao fundador. Motivos para entender o primeiro ensañamento dos rebeldes franquistas co Pasatempo.


3-     Saqueo e rapina. O campo de concentración.


Betanzos caeu baixo o control dos “nacionais” aos poucos días do alzamento. É certo que foi preciso que chegase un continxente de militares e gardas civís desde A Coruña pero a tentativa de volar a Ponte Nova para tentar salvar Betanzos fracasou e se iniciou a represión. Os líderes agrarios e os alcaldes, concelleiros e deputados da Fronte Popular foron perseguidos, paseados, fuxiron,... Os falanxistas prenderon lume á igrexa de San Francisco para provocar na poboación unha reacción contra os que gobernaran Betanzos. E o Pasatempo non había de quedar impune.


Juan García Naveira xa morrera, recibindo no seu enterro o tributo das sociedades obreiras e agrarias da cidade, da Corporación Municipal e da poboación en xeral, e o Pasatempo quedara orfo, pois non se prevía no testamento a forma en que se había de financiar a fonte de ingresos do Asilo. Os herdeiros e herdeiras comezaran a venda dalgunhas das pezas que compuñan orixinalmente o parque, o seu fillo aliñouse cos nacionais ao punto de ser o primeiro alcalde do Réxime, e o parque, decadente, foi saqueado dada a penuria daquel tempo. Foi así como os Leóns da entrada principal viaxaron ao santuario de Covadonga, pasando de custodiar o Parque da Razón ao da Superstición, as tuberías de chumbo arrincadas, os bustos dos emperadores romanos vendidos,...


Para os “novos” valores do Réxime o Pasatempo era un canto á dexeneración: multitude de estatuas con mulleres e ninfas espidas, a soflama incendiaria de que o Cristo era un “rojo”, ... As estatuas foron decapitadas e empregadas de branco para as probas de tiro ou simplemente derruidas, o león colosal foi dinamitado por exhibir o aparello xenital impudicamente (ironicamente a parte del que chegou á actualidade), Eros e Psique directamente eliminados pola súa concupiscencia,...


E no remate da guerra Betanzos acolle un campo de concentración do Réxime. A vella fábrica de curtidos da Magdalena, que xa levaba anos pechada, emprazada no barrio onde se erguera o lazareto, serve de corpo principal a un campo de concentración que extende os seus brazos ao Pasatempo, convertido noutro Parque da Superstición. Aínda hoxe son visibles, nalgúns lados, as reixas que os franquistas situaron no Pasatempo para pechar posibles portas do patio de presos en que foi reducido: a Razón tamén foi feita presa e torturada naquel campo. As paredes destas dúas construccións acolleron centos de presos, na súa maior parte procedentes da última fronte da guerra, Cataluña e Barcelona, loitadores anónimos polas liberdades, mais tamén algúns máis coñecidos, coma Vicente Ferrer ou un avó do Lehendakari Ibarretxe. Os veciños e veciñas da Magdalena achegábanlles comida, correo e tabaco, lavaban as súas roupas e entretiñan con conversación as longas horas que botaban alí, confinados, segundo moitos deles aínda recordan. E finalizada a contenda, os campos de concentración foron pechando, aínda que moitos daqueles presos políticos quedaron aínda tempo confinados en Betanzos.


O Pasatempo asistiu daquela á súa degradación definitiva. Os terreos da parte do val foron arados e transformados en leiras onde se cultivou de todo, singularmente o lúpulo que deu fama a Betanzos en anos posteriores. No medio daquelas leiras, case sarcasticamente, erixíanse a estatua dos Irmáns fundadores, a da Caridade romana e a Fonte das Catro Estacións, a memoria mutilada do que algún día fora aquelo. Tan só se logrou salvar, pola súa orografía, a parte da ladeira, a das grutas e labirintos de pedra, os monstros fantásticos e as leccións pétreas. Coas ninfas debidamente mutiladas pola nova moral, o Pasatempo sumiuse nun fondo letargo, simbolizado perfectamente na silveira que o cubriu e que foi testemuño impávido de amores clandestinos.


Pero estas, ao igual que a rehabilitación do Pasatempo, son xa outras historias.

Más informacióen en: http://www.blogoteca.com/cartafoldomandeo


No hay imágenes relacionadas.

Comentarios

Tijera Pulsa este icono si opinas que la información está fuera de lugar, no tiene rigor o es de nulo interés.
Tu único clic no la borarrá, pero contribuirá a que la sabiduría del grupo pueda funcionar correctamente.


    No hay más información.
    ...0

Si te registras como usuario, podrás añadir comentarios a este artículo.

Volver arriba